Libros

A experiencia inglesa

Outros libros

Autores relacionados:


A experiencia inglesa

Paulino Vázquez, escritor
5/5 (1 votos)

Poesía, edición do autor, 1998

ISBN: 84-605-7538-1

Paulino Vázquez é o poeta galego actual que máis firmemente permanece no camiño do decadentismo e do labor intertextual dos anos oitenta. No poemario A experiencia inglesa realiza un xogo poético con diversos poetas ingleses dos séculos XIX e XX.

Paulino Vázquez foi considerado pola crítica como un dos mellores representantes da poesía galega dos oitenta. Con este cualificativo estábase facendo referencia a un pequeno grupo de creadores que, na liña do que estaba a suceder no resto da Península, abandonaran completamente o socialrealismo e apostaran por unha poesía descritiva, preciosista e onde as referencias culturais e a intertextualidae eran unhas das características máis salientábeis. Así Román Raña, Anxo Quintela e Eusebio Lorenzo publicaron os seus primeiros libros na década dos oitenta, e entre eles Paulino Vázquez, co moi significativo 'Perdendo o tempo que foxe como Xoán Sebastián Bach', de 1983.

Pero se os outros poetas modificaron lixeiramente a súa traxectoria avanzando no intimismo, Paulino Vázquez afondou nesa vea intertextual ao longo do tempo, ficando como o mellor representante na actualidade desa corrente culturalista. A experiencia inglesa, de 1998, é un libro breve de edición de autor, formado por cinco poemas ou movementos longos, onde Vázquez xoga con temas, estilos, contextos, títulos e poemas enteiros de autores maiormente ingleses e principalmente dos séculos XIX e XX ("son nomes que non damos ao esquezo /... / a pesar do discurso, aparecerán ao pé destas páxinas / non como unha chama votiva, unhas escasas lapas lenes / senón como o fundamento da nosa tradición / a reverencia por Sterne, a aceptada sedución / polo mundo inglés").

Byron, Keats, Eliot e Pound son os poetas de referencia. Pero tamén Coleridge, Betjeman, Austen ou Sterne comunican versos, citas literais en inglés ou traducidas, e van levando os poemas dun verso a outro sen máis trama có xogo literario e a recreación de ambientes clásicos da aristocracia inglesa: os salóns das baronesas, os grandes xardíns, o coidado das rosas, os candelabros, as porcelanas, toda a imaxinería d'Os restos do día', a novela de Izhiguro que lle dá nome ao terceiro poema, descritos todos eles con preciosismo e detemento, transmisores dunha sociedade melancolicamente en extinción e algunhas veces ata paródica ("Señor, era tan aburrido / rodeado de xente / ... / era aburrido / dunha maneira nova e iso fixo que o creran / grande").

O verso de Paulino Vázquez é un verso longo que imita os ritmos ingleses ("amantes da adversidade, entregados ao cultivo / do verso inglés"), se ben só en moi poucas ocasións consegue versos plenamente iámbicos ou trocaicos, aínda que o ritmo resultante corresponda tamén ao repouso e á tranquilidade deses pés. Neles, as distintas voces contemporáneas e antigas dialogan, a miúdo encabalgadas unhas nas outras, nun rebumbio que é máis murmurio e por onde transitan as reflexións clásicas sobre o paso do tempo e a decadencia.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |