Libros

Cando petan na porta pola noite

Outros libros

Autores relacionados:

Lecturas temáticas:


Cando petan na porta pola noite

Xabier Docampo, escritor
5/5 (1 votos)

Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 1994

ISBN: 84-8302-756-9

Cando petan na porta pola noite é o libro máis reeditado e difundido dos do seu autor, o mestre Xabier P. Docampo, e quizais tamén o que máis dificilmente encaixa no traxe de literatura infantil e xuvenil. De feito, foi editado para distintos perfís de público, e responde a ese esquema só na medida en que A illa do tesouro (non inocentemente citado polo propio Docampo no libro), por exemplo, está considerado tamén literatura para rapaces. Por demais, recibiu o premio Rañolas e o Nacional de Literatura Infantil, foi escollido dentro da lista de honra do IBBY de 1996 e recibiu o internacional The White Ravens en 1997, todos eles galardóns dirixidos á literatura para cativos.

 

O volume, publicado inicialmente en 1994, pero que xa reeditado nove veces nos últimos anos, inclúe catro contos: 'O espello do viaxeiro', 'O Fornadas', 'A loba' e 'O cumpremortes', acompañados dun prólogo e dun pequeno epílogo titulado 'Cando o autor fala de si'. No primeiro dos contos nárrase o encontro entre un viaxeiro e un ferreiro, idénticos fisicamente, nunha noite de treboada, e como o viaxeiro acaba por matar o ferreiro e substituílo na vida. O segundo, 'O Fornadas', é a historia dunha vinganza dunha vella asasinada, mentres que 'A loba' vinga a morte do fillo que tivo na súa vida como humana. 'O cumpremortes', finalmente, conta a fuxida vital dun home que recibe todos os anos misteriosas felicitacións do día da súa morte futura.

 

O prólogo, sen dúbida o máis importante dos paratextos, enmarca e obxectiva o libro: "Desa maneira oral recibín [...] historias que coma estas que hoxe poño aquí, fixéronme ir para a cama moitas noites con medo". Deste xeito, Docampo reelabora co material recibido na súa infancia novos contos de medo, e idéaos co propósito de que se transmitan oralmente. Porén, non son transcricións, e non existen marcas de oralidade, senón só chiscadelas, temas e efectos propios da tradición dos contos populares de medo e misterio. Aquí ecoan numerosas historias de lobos e gavillas, a xustiza e a vinganza, a ruindade ou o cumprimento dos fados do destino, nunha ambientación tenebrosa e ruralizante. Por iso Cando petan na porta pola noite rompe en tantos sentidos coa literatura galega para rapaces do seu tempo: non está protagonizada por rapaces, non se enmarca na escola nin na cidade, e carece absolutamente de ningún tipo de finalidade pedagóxica.

 

É máis, a crueldade e violencia dalgunhas escenas ("o fungueiro e o cabo da machada petaban no corpo da vella que ceibaba sons secos da crebadura dos ósos", o incendio da palleira con loba e bebé dentro) desaconsellarían a súa lectura infantil conforme os criterios máis rigorosos.

Non son, porén, elementos novos: esta crueldade xa está presente na tradición oral galega, ben recollida e documentada nos últimos anos, pero tamén na narrativa de medo elaborada, da que Ánxel Fole é o maior expoñente. O último dos contos, o único que se desenvolve nun ambiente urbano, bebe tamén de fontes tradicionais, pero orientais, dándolle unha volta ao misterio da profecía que se cumpre a si mesma.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |