Libros

Outros libros

Autores relacionados:


Calados esconxuros

Antón Tovar, escritor
1/5 (1 votos)

Poesía, Edicións Xerais de Galicia, 1980

ISBN: 84-7507-013-2

1980 Xerais; 2002 (Follas Novas)

De toda a produción poética do ourensán Antón Tovar, estes Calados esconxuros foron recoñecidos pola crítica coma o volume máis maduro, o que presentaba de mellor xeito o intimismo. Publicado en 1980 nunha debutante Edicións Xerais, foi porén un libro que non recibiu demasiado eco. Os seus poemas, claro é, pertencen máis á decada anterior ca á poesía que se comezaba a facer nos oitenta, nunha reflexión social-realista e existencialista que ía perdendo fol. Con todo, recibiu naquel ano o Premio da Crítica Galega.

O libro está dividido en dous bloques de composicións de desigual tamaño (44 e 16 poemas) e sobre os que non se pode trazar unha clara división temática: os poemas da segunda parte son quizais máis circunstanciais, sen por iso abandonar o realismo ou a soidade existencial, e van precedidos dunha autocita de Tovar a modo de advertencia ("Xa que me puxen trascendente con tanta filosofía, de súpeto, de repente, deume a risa", que finalmente non se realiza máis ca illadamente. Tanto unha como outra parte, así como as cobertas, están profusamente ilustradas polo pintor, tamén ourensán, Manuel Prego: os seus debuxos a unha tinta, de trazo dramático, inclúen un retrato de Tovar que se converteu na súa representación máis coñecida.

Dende o punto de vista temático, as composicións son moi diversas e non responden a un propósito único: dende o poema máis inocentemente paisaxista dedicado aos carrabouxos, á desesperada oración existencial dirixida a un deus inexistente, vanse tocando distintas cordas que compoñen, no seu conxunto, un berro descrido e nostálxico por unha infancia que xa non volverá. Unha infancia representada pola lembranza da criada (a Susa) que estea o libro, e polas paisaxes ("chorimas das toxeiras / e nichas das carpazas), traballos do agro ("as mozas / colleron os pustoiros de herba / e camiñan co'eles na cabeza / cara á noite da aldea"), criaturas da natureza doméstica e o propio autor-cando-neno, co que o vello poeta dialoga adoito.

Ese tempo que non voltará, complexo pero despreocupado, oponse ao conflitivo e desesperado hoxe, causa dun sufrimento e desolación constante ("teño unha picaraña a sachar, / a sachar niste cabouco / estreito e apartado"), e onde medra a voz máis reivindicativa de Tovar. Na contemporaneidade chama polos recordos para conxurar o presente, xoga coa lingua que lle trae os recendos da infancia ("patria temporal da lingua / onde me acobillo e me defendo) e expresa nun ton claro e directo as súas preferencias políticas en 'E resulta que son revolucionario; perdoen', onde aproveita un comentario do crítico Alonso Montero cualificando os seus versos de revolucionarios, para reflexionar metapoeticamente sobre o intimismo e o combate ("decátome agora, xa cando se esfraga o meu tempo / de que son –repito, repito– o poeta da revolución / (...) o vinculeiro / que garda a revolución nos seus versos intimistas, seus, / no peto pequeno da palabra, no pombeiro).

As composicións teñen ritmos abruptos e rimas escasas, nunha "ametría consciente" reivindicada polo autor. Só esporadicamente (unhas coplas, un caligrama) a preocupación formal no seu sentido máis clásico fai acto de presenza.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |