Os relatos de E. A. Poe, dos que aquí se presenta unha pequena escolma, chegan ao lector de hoxe con toda vixencia, como 'Berenice', 'Morella' ou 'O retrato oval', nos que se describe unha particular relación espiritual coa muller, e envoltos no onirismo e na difícil distinción entre o soño e a realidade. Outros contos están marcados polo terror psicolóxico, do que foi un gran dominador, como en 'O bocoi de amontillado', ou polo raciocinio dos seus relatos policiais, xénero do que foi iniciador e do que sentou as bases: crime aparentemente irresolúbel, sospeitoso inocente ao que acusan as probas e que é finalmente exculpado pola perspicacia, a capacidade de observación e o método do detective, que dan lugar a un desenlace sorprendente e lóxico, como en 'Os crimes da rúa Morgue' ou 'A carta roubada'.