O bosque das antas foi a primeira novela do escritor Francisco X. Fernández Naval, e tamén a que gozou dunha maior repercusión crítica e de público. Gañadora da quinta edición do premio Xerais,
O bosque das antas foi tamén unha das primeiras novelas galegas en botar a vista á temática da guerra civil e da represión posterior.
Cando conseguiu o premio Xerais en 1988, na quinta edición do galardón máis importante da narrativa galega, o autor d'O bosque das antas era practicamente un descoñecido. Publicara Fernández Naval ata daquela un par de libros de poesía, de limitada repercusión, e iniciábase con este título no xénero da novela, ao que lle dedicaría no futuro a maior parte dos seus esforzos.
A novela está dividida en dúas partes de desigual volume: a primeira, que contén o núcleo fundamental dos acontecementos, desenvólvese ao longo de 34 unidades máis pequenas, a modo de capítulos ou escenas, dunha extensión moi reducida. A segunda está composta por un texto algo máis longo, dunhas vinte páxinas, e mais un epílogo final. A primeira parte narra o periplo do guerrilleiro italiano Pierre Francesco Borghese, dende que foxe da prisión franquista en Ourense ata que, uns días despois, consegue cruzar a fronteira portuguesa. A narración destes días interrómpena en múltiples ocasións saltos temporais que reconstrúen o pasado dos personaxes e a súa actividade durante a República. A segunda parte céntrase na relación epistolar que se establece anos despois entre o exiliado Borghese e Encarnación, a viúva do seu mellor amigo e compañeiro de guerrilla, Claudio Naval.
A novela realiza unha demorada descrición de personaxes da república ourensá, e a súa transformación coa guerra e a violencia, cunha ollada tan exenta de compracencia como de maniqueísmos. Os saltos no tempo permiten contemplar á vez os posicionamentos políticos e de intereses dos distintos personaxes antes e despois da guerra: ben rendidos e mortos pola tuberculose (Claudio Naval), ben cómplices e delatores (Maruxa Cornucha), ben evadidos (D. Xacinto, trasunto de Vicente Risco), ou ben silenciosos e discretos resistentes (o barqueiro Amador). O elemento que une a todos é Borghese, neto dun soldado de Garibaldi (o título do bosque das antas fai referencia á fuxida de Roma do revolucionario italiano), implicado no proceso republicano e na loita guerrilleira, pero que ao tempo non garda máis atumes co país cás da memoria e a amizade.
Aínda que sexa unha obra dos anos oitenta, o tratamento da guerra civil achégao máis á novelística do século XXI, onde o golpe de estado, a guerra e a represión se miran a través dun pano menos claro e máis confuso, e onde a reflexión sobre a amizade e a memoria se sitúan en importancia sobre a narración dos feitos históricos. A diferencia tamén da narrativa bélica dos primeiros anos da democracia, a violencia ten presenza escasa, e a miúdo aparece fóra de plano. A traxectoria poética de Fernández Naval embebe o texto dun estilo descritivo lírico, case decadentista, onde afloran a miúdo as referencias culturais e as precisións técnicas.