A obra de Darío Xohán Cabana máis difundida de entre as dirixidas ao público infantil, As aventuras de Breogán Folgueira, representa unha vía intermedia e, en certa medida única, na literatura para rapaces en galego: as referencias culturais e os xogos metaliterarios mestúranse cos esquemas máis clásicos do xénero de mozo coñece moza.
As aventuras de Breogán Folgueira, publicada por primeira vez en 1990 pero que coñeceu sete edicións ao longo deste anos, foi a primeira obra narrativa de Darío Xohán Cabana dirixida editorialmente ao público infantil e xuvenil. Con todo, a novela "para adultos" Galván en Saor, que se publicara tan só un ano antes, fora un éxito tamén entre a mocidade, ao abeiro do sistema escolar. Na súa traxectoria posterior dentro do xénero (As viaxes do príncipe azul, O castrón de ouro, etc.) pódense atopar trazos temáticos e estilísticos que xa foran plasmados nestas Aventuras de Breogán Folgueira.
A novela, dividida en oito capítulos, conta a vida do mozo lugués Breogán Folgueira durante as vacacións de verán, con dúas liñas fundamentais: unha, o xogo de fantasía e a capacidade creativa de Breogán, que o leva a acceder a mundos descoñecidos e a falar con criaturas de tempos idos; a outra, disposta en capítulos alternos, céntrase no moceo con Dosinda, a irmá dun amigo seu, a quen remata por conquistar ao xeito dun cabaleiro artúrico.
O libro está inzado de referencias metaliterarias. O propio nome do personaxe, Breogán Folgueira, procede da narrativa ferriniana, e o da súa moza, Dosinda Areses, foi un dos pseudónimos empregados por Ferrín na súa clandestina etapa como xornalista. Tamén Ferrín, baixo o seu nome, aparece citado como tradutor ao galego da novela de cabalerías Amadís de Gaula, e outros escritores e persoas vencelladas ao seu círculo ideolóxico e persoal, coma Os Resentidos, poboan as páxinas da novela e moi particularmente un apéndice final onde se recollen os intervintes a modo de dramatis personae. O pouso literario marca tamén a experiencia fantasiosa de Breogán Folgueira, que nas súas viaxes accede aos contornos e personaxes do ciclo artúrico, con referencias que van dende o xa ementado Amadís á raíña Xenevra, pero tamén a outros elementos literarios coma o Cyrano de Bergerac ou o padre Feixoo. A epítome deste cultismo metaliterario acádase coa inclusión da tradución dun lai, cantiga provenzal medieval, como apéndice da obra.
O estilo, porén, foxe do requintado e procura o humor. O texto non é ten unha escrita realista, e os diálogos e a construción dos personaxes móvense frecuentemente nun esquematismo e idealismo que lle acae ben á parodia da literatura de cabalerías, coa particularidade de que os personaxes, no canto de adultos guerreiros, son mozos de instituto. A xestión desa fantasía, da capacidade extraordinaria dos mozos para crear mundos especiais que abalan entre o verdadeiro e o ficticio, e a historia de amor entre Breogán e Dosinda responden polo demais aos tópicos xenéricos da novela para xoves.