
Teatro, Edicións Xerais de Galicia, 1994
ISBN: 84-7507-789-7
Con Raíñas de pedra Cándido Pazó achégase ao drama histórico, molde xenérico practicado na dramaturxia galega por autores como Antón Vilar Ponte ou Daniel Cortezón. Esta peza ficou finalista do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais en 1991.
Raíñas de pedra, levada á escena pola compañía teatral Ollomoltranvía no ano 1994, retoma a historia de Inés de Castro e a da súa irmá, Xoana. Inés acode a Portugal formando parte do séquito da prometida e despois esposa de don Pedro, príncipe de Portugal. Presos dunha forte paixón, Inés e o infante portugués inician un romance prohibido. O rei Afonso IV contrario a esta relación por complexas desavinzas políticas, ordena asasinar a Inés. Xoana, prometida do rei de Castela, Pedro I o Cruel, é rexeitada tamén por razóns políticas a mesma noite de vodas. Asemade, Inés e Xoana son vítimas da cobiza da casa de Castro.
Tras un pequeno texto, a modo de introdución, no que se lembran as claves da historia das irmáns de Castro, os datos da representación teatral e o dramatis personae, Raíñas de pedra ábrese cunha “Entrada” que reflicte o labor duns canteiros nunha praza compostelá mentres entoan unha cantiga, que esperta nos oídos do vello Martiño, peregrino que se achega aos pedreiros, as súas vivencias ao servizo da familia galega. A continuación figuran once escenas que retornan ao pasado e desenvolven paralelamente as tráxicas historias das irmáns. As escenas impares están protagonizadas por Inés (escenas I, V, XI) ou Xoana (escenas III, VII, IX), sempre acompañadas de Martiño quen, como heraldo, viaxa constantemente de Coimbra a Tordesillas. Os diálogos entre o mensaxeiro e cada unha das irmás de Castro van debuxando os sentimentos e os desexos das nobres cun marcado ton lírico. Nas escenas pares intervén Martiño e a xente que atopa nas súas viaxes (taberneiros, labregos ou feirantes), quen amosan a súa percepción das relacións amorosas das protagonistas e ofrecen estampas costumistas da época. O multiperspectivismo é claro e suxerinte. Os cadros protagonizados polo pobo destilan un fino humorismo baseado na habilidade para reproducir a lingua dos personaxes populares. A peza teatral cérrase cunha “Saída”, escena que volve á mencionada praza e na que se descobre que os pedreiros están labrando os túmulos de Inés e Xoana: “Raíñas de pedra”. A obra posúe unha estrutura circular perfecta.
Pazó inclúe adoito xogos metateatrais nas súas obras. En Raíñas de Pedra, este mecanismo maniféstase na presenza do coro, que se pode considerar metateatral, e na inserción dunha escena protagonizada pola enxeñosa representación duns xograres-cómicos.
Apréciase un especial esmero na construción das didascalias. Ademais da nómina de personaxes que interveñen nas escenas, ofrécese a caracterización dos mesmos, na que destaca a inclusión dos alcumes, onde asoma novamente a comicidade e, tamén, a coidada elaboración lingüística e estilística que domina toda a obra.
Nunha sólida estrutura fúndase a revisión das figuras míticas de Inés e Xoana de Castro que Pazó tece en Raíñas de pedra, peza que actualiza o drama histórico.