Libros

Poemas 1981/1991

Outros libros

Autores relacionados:


Poemas 1981/1991

Lois Pereiro, escritor
5/5 (1 votos)

Poesía, Edicións Positivas, 1992

ISBN: 84-87783-06-6

Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (1995) conforman a obra poética de Lois Pereiro. A voz singular e heterodoxa de Pereiro, ponte entre a poesía dos oitenta e a poesía dos noventa, adoita relacionarse con propostas poéticas anovadoras como as de Luísa Castro e as de Antón Lopo.

Aínda que até 1992 non se publica Poemas 1981/1991, a faceta poética de Pereiro xa era coñecida e gabada. En efecto, algúns dos poemas que figuran nesta obra apareceran espallados en revistas ou publicacións colectivas, se ben nalgúns casos introduce variantes de desigual relevancia. A revista Luzes da Galiza e a antoloxía De amor e desamor (dous volumes editados en 1984 e 1985) foron as principais depositarias da primeira poesía de Lois Pereiro. En De amor e desamor os seus poemas aparecen acompañados dos textos de Lino Braxe, Miguel Anxo Fernán-Vello, Pilar Pallarés, Manuel Rivas ou Xavier Seoane.

A temática da morte atravesa os Poemas 1981/1991. A crítica ten relacionado a presenza da morte na obra de Lois Pereiro coa súa experiencia vital, en concreto coa enfermidade que o escravizaba. A carón da morte aparece o amor e a vida, frecuentemente imbricados: “A forza é sempre a mesma en corpo alleo/ e a doenza mortal a que preciso/ para amarte de lonxe”. Dos poemas máis escorados cara a poesía amorosa emerxe unha concepción apaixonada, sexual e, por veces, infecta do amor: “Carne de luxo/ amor/ tóxico inxecta”. Asoman tamén nos Poemas 1981/1991 a dureza da realidade, a marxinalidade, o decadentismo, a corruptibilidade, o nihilismo ou acenos de estética punk. Os poemas mostran con intensa crueza os espazos interiores da voz poética, a súa atracción polo caos, a ruína e a autodestrución: poesía da experiencia núa, esgazada e contundente.

Domina a paisaxe urbana e unha escura atmosfera planea sobre cada un dos poemas. Esta escuridade latexante pode adoptar diversas formas: noite (“E a miña imaxe vaise cara á noite”), néboa (“no estraño desta néboa matinal”), nubrados e choiva (“Deste ceo invernal”), sombras ou tebras (“medrando nesta tebra familiar”).

As referencias nos propios textos a Thomas Bernhard ou Wim Wenders pon de manifesto a súa estreita vinculación coa estética expresionista centroeuropea. Asemade, o poeta insire citas de Ezra Pound ou Georges Bataille, que marcan o dialoxismo característico da súa obra e contribúen a estender as evocacións e a multiplicar a significación dos seus textos.

O emprego corrente de metáforas únicas e a expresión plurilingüe (inglés, alemán, francés) son outros dos trazos esenciais de Poemas 1981/1991. A maioría dos poemas que conforma a obra son breves, peculiaridade que non fai diminuír a densidade significativa que transmiten.

A impasibilidade non é posíbel ante os Poemas 1981/1991 de Lois Pereiro: poesía que invade, axita, desacouga e emociona.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |