Poesía, A Nosa Terra, 1859
ISBN: 84-87172-95-4
1859 (edición príncipe de Xoán Manuel Pintos en Pontevedra); 1982 (Do Castro); 1995 (Consello da Cultura Galega); 2002 (Galaxia)
O título orixinal é Colección de muchas palabras, voces y frases gallegas que el año 1745 oí, leí y observé en Galicia, estando a divertirme en la villa de Pontevedra en donde me he criado y habiendo andado por varias partes del Reyno. Malia obedecer á relación do dramatis personae orixinal, o título de Coloquio de vintecatro galegos rústicos non é moi representativo do contido, xa que nas coplas de que consta só interveñen oito interlocutores e non vinte e catro. A intención do autor era continuar o Coloquio, pero a obra ficou inconclusa. Proba da escasa unanimidade sobre cal sería o título máis axeitado é que o texto coñeceu case tantos títulos como edicións.
Calcúlase que Frei Martín Sarmiento elaborou as 1.201 coplas das que consta o Coloquio entre 1745 e 1751. O manuscrito que manexan os historiadores, copia póstuma datada en 1789, leva por título Colección de voces y frases gallegas en coplas y un glosario de dichas voces, e contén unha carta que o autor dedicou a un confesor do rei con data de 1751. Nela relátase a xénese do texto e unha serie de consideracións sobre a finalidade do mesmo, ademais doutras máis xerais sobre a literatura galega. O códice consérvase actualmente na Biblioteca Nacional de Madrid. No Museo de Pontevedra atópase outro manuscrito composto por 107 coplas máis, pero a autoría do frade é posta en cuestión por moitos historiadores actuais.
O padre Sarmiento é considerado o fundador da filoloxía galega e tamén o primeiro galeguista ilustrado, grazas ao seu labor de estudo e dignificación da nosa lingua, así como da influenza da poesía galega sobre a castelá. Esta obra súa é resultado dunha viaxe que o levou de Madrid a Galicia (1745), onde permaneceu sete meses logo dunha longa etapa de ausencia. Durante a estadía, Sarmiento tomou un completo de vocábulos e variantes do idioma, ademais de acceder a unha longa serie de documentos medievais escritos en galego e conservados nos mosteiros. En todo este corpus constatou Sarmiento a forte raigame latina da nosa lingua, a tempo que sinalou a necesidade de estabelecer rexistros lingüísticos específicos en función da idade e do sexo.
O pretexto argumental é a morte de Felipe V e chegada ao trono do seu fillo, Fernando VI. Isto dá pé para o diálogo dos dous mozos e dúas mozas que interveñen na meirande parte das coplas. Segundo a idea inicial de Sarmiento exposta no prefacio, nas coplas debían intervir vinte e cinco personaxes, todos eles ficticios agás o tío Marcos da Portela, labrego de Monte Porreiro (Pontevedra) que o autor coñecera de neno e que aquí converte en narrador. Esta identidade será recuperada por Valentín Lamas Carvajal contra a fin do século XIX para dar nome á primeira cabeceira da prensa galega e, ademais, convertila no heterónimo baixo o que asinará O catecismo do labrego.
Sarmiento elabora un cadro costumista no que mestura referencias históricas, descricións xeográficas, notas da vida local, etc. E coloca todo isto na boca dun grupo de labregos da bisbarra de Pontevedra que falan en metro popular: coplas hexasílabas de catro versos con rima romance e ritmo de muiñeira. No estilo pueril e na inocencia coa que se expresan os personaxes mozos subxace unha carga humorística que algúns críticos e historiadores interpretaron como satírica e burlesca. É certo que o seu interese literario é menor que o filolóxico, non en van o obxectivo primeiro de Frei Martín era presentar unha mostra organizada de léxico coloquial recollido da voz do pobo. De feito, a simplicidade estilística das coplas había ser compensada coa erudición dos apuntamentos etimolóxicos do Comento, engado de natureza puramente filolóxica que tamén quedou sen rematar. Así e todo, estas coplas son dunha relevancia innegábel entre a escasa produción literaria galega dos séculos escuros.