Libros

Poesía galega completa

Outros libros

Autores relacionados:


Poesía galega completa

Xosé María Álvarez Blázquez, escritor
3,63/5 (8 votos)

Poesía, Edicións Xerais de Galicia, 1987

ISBN: 84-7507-246-1

1987 (Xerais)

Antoloxía realizada por Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta e fillo de Xosé María Álvarez Blázquez, que sae publicada dous anos logo da morte deste.

Esta edición de Xosé María Álvarez Cáccamo contén as catro obras poéticas en galego de Xosé María Álvarez Blázquez, xunto co Romance do pescador peleriño e mais unha escolma de poemas inéditos e dispersos. O prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e a presentación a cargo do editor enmarcan a antoloxía, que conclúe co “Epílogo de familia, máis un verso”, recordo emocionado do irmán Emilio Álvarez Blázquez.

Emilio, íntimo colaborador de Xosé María nas editoriais Monterrey e Castrelos, tamén escribira a carón del os Poemas de ti e de min, primeiro bloque desta antoloxía. Publicados en 1949 en Benito Soto, os Poemas colócanse nunha liña medievalizante na que conviven as estéticas diferenciadas dos dous irmáns. As composicións de Emilio son dun marcado imaxinismo, mentres que Xosé María constrúe os seus poemas a partir do canon medieval e, se ben tamén cultiva o imaxinismo, sitúase máis próximo ao neotrobadorismo.

Roseira do teu mencer (1950) é moi distinto. Trátase dunha poesía leda, imaxinista, sinxela e chea da vida que irradia Colorín, a filla de Xosé María. Ela inspiroulle este libro antes de falecer, aínda nena. Expresada a xeito de canción popular, a poesía de Roseira constitúe a primeira aproximación do autor ao seu mundo familiar e persoal.

Se ben Poemas de ti e de min xa fora unha primeira demostración, o Cancioeiro de Monfero é proba do fondo coñecemento e admiración que o autor posuía pola obra lírica medieval galego-portuguesa. Álvarez Blázquez consideraba que moito do mellor das nosas letras se escribira na Idade Media, e mesmo afirmou que Pero Meogo fora o máis grande poeta galego de todos os tempos. No Cancioeiro, o autor xoga a facer pasar por medievais uns textos orixinais seus, incluíndo detalles no apartado introdutorio sobre o suposto descubridor -Frei Ramón Pintos- e mesmo o estado de conservación do manuscrito. Algúns expertos non souberon detectar o engano, o que proba o alto grao de erudición posto de manifesto neste libro e que o coloca a carón da mellor tradición neotrobadorista.

Canle segredo está considerada como a mellor obra poética de Álvarez Blázquez. A “máis auténtica e madurecida”, en palabras do propio autor. Pola súa banda, Ferrín considera que nela “se atopa cifrado a totalidade de estilo de Álvarez Blazquez, erudito, romancista, xornalista, poeta e que todos eses estilos se refiren a un só, o estilo de vida, modelo de personalidade e modelo social”. Compostos en versos brancos, os poemas de Canle segredo remiten ao mundo máis íntimo do autor, ao mundo da familia e da infancia, á nostalxia da mesma (a memoria adquire nesta obra unha posición central), nunha expresión poética limpa e sedosa.

O bloque final inclúe dúas ducias de poemas, uns inéditos e outros publicados independentemente en publicacións diversas. Entre eles figura un poema que Ramón Otero Pedrayo dedicou a Álvarez Blázquez, en resposta ao que este antes lle enviara por correo dende a súa casa de Coruxo. De par deles hai outras composicións adicadas a Manuel Antonio, Cabanillas, Noriega Varela, Celso Emilio e Iglesia Alvariño. Tamén están os Epigramas de Pepe do Rollo, heterónimo do autor baixo o cal asina estas breves estrofas populares e humorísticas.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |