Libros

Non agardei por ninguén

Outros libros


Non agardei por ninguén

0/5 (0 votos)

Narrativa, Editorial Citania, 1957

ISBN: 84-7507-411-5

1957 (Citania); 1976 (Akal); 1989 (Xerais)

A primeira edición publicouse no exilio. Case vinte anos máis tarde foi publicada pola editorial madrileña Akal (1976), na colección “Arealonga” dirixida por Xesús Alonso Montero, con prólogo de Celso Emilio Ferreiro e ilustracións de Quessada. Non será publicada en Galicia até 1989.

Ademais de ser a primeira novela de Ramón de Valenzuela, Non agardei por ninguén é tamén a primeira novela galega sobre a Guerra Civil española. A obra, xestada e publicada no exilio arxentino, estabeleceu un precedente que continuarían O silencio redimido (Silvio Santiago, 1976), O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte (Antón Alonso Ríos, 1979) e Era tempo de apandar, do propio Valenzuela (1980). Todas estas narracións poden considerarse ficcións autobiográficas.

Escrita dúas décadas antes que as tres restantes, Non agardei por ninguén foi considerada unha novela precoz e precursora na narrativa galega de posguerra. Como ten apuntado Carme Hermida, a obra abría novos horizontes narrativos nun momento no que a novela española se entregaba ao socialrealismo e a galega apostaba por renovar os temas e as técnicas nunha proposta colectiva que se dará en chamar Nova Narrativa Galega. Con todo, a primeira edición pasou desapercibida en Galicia, e nin sequera a posterior edición de 1976 obtivo divulgación alén dos círculos minoritarios. Tamén se ten apuntado que a narrativa sobre a guerra do 36 e a nostalxia do exilio non foi debidamente valorada e si sometida a un certo menosprezo, sendo ás veces catalogada de autobiográfica e realista en exceso.

Ramón de Valenzuela, mestre de profesión e galeguista militante, participou activamente no Seminario de Estudos Galegos e na campaña polo Estatuto. Esta é unha crónica ficcionalizada das súas vivencias durante un ano e medio de guerra e a súa posterior incorporación ao bando republicano. Cunha estrutura cronolóxica en tres partes, a novela relata a historia de Gonzalo Ozores, quen nos primeiros días do levantamento militar ten que se ocultar e fuxir polas terras do Deza. Logo alistarase no exército franquista, desde o que fará labores de espionaxe e tratará de salvar vidas republicanas, chegando mesmo a manter unha relación cunha muller falanxista para non espertar sospeitas. Mais estas chegarán, e nese intre solicitará Ozores o seu traslado á liña de batalla para ingresar nas filas republicanas con maior facilidade.

Trátase, xa que logo, dunha narrativa de acción que se move ao ritmo que dita a lóxica bélica. Tamén intervén neste dinamismo o cambio constante de escenario. O relato parte de terras dezás para logo ir desprazándose por distintos puntos da xeografía española. No tratamento dos espazos percíbese unha clara diferenza entre a terra natal e as restantes: a primeira é capitalizada por paisaxes rurais evocadas desde parámetros sentimentais, con precisión e tenrura; as localizacións posteriores non son descritas por oposición, pero si son transmitidas en relación co lugar de orixe. Analogamente, os personaxes non son retratados de xeito maniqueo, senón que responden a unha procura da autenticidade e a unha actitude comprensiva cuns individuos colocados nunha situación límite. Denúnciase, iso si, a incompetencia ou a crueldade de certos mandos franquistas, a tempo que se definen positivamente o colectivo galego e o dos presos republicanos.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |