Editoriais

Estaleiro Editora

Estaleiro Editora
Tr. Escultor Asorei, 1-2º
15704 Santiago de Compostela

Asociación cultural sen ánimo de lucro e rexida por asemblea que ten o propósito de desenvolver un proxecto de edición independente, capaz de abrir novos camiños no sistema literario galego. Pretende ser referente daqueles produtores e consumidores que demandan unha alternativa ao circuíto oficial da literatura e do pensamento subsidiados, mediante un espazo de liberdade para a dinamización cultural, a innovación literaria e o pensamento crítico.

A través de vías de distribución alternativa, a editoria rexeita a política de subvencións e procura unha edición de calidade a prezos reducidos, cuxo mínimo lucro estea destinado unicamente á produción de novos materiais e á promoción e distribución dos xa publicados. Autores e editores renuncian a calquera retribución económica polo seu traballo.

A asociación edita baixo licenzas Creative Commons, que permiten e fomentan a reutilización das publicacións sempre que as novas edicións se sirvan da mesma licenza, carezan de ánimo de lucro e citen a edición orixinal. Na súa aposta pola libre e gratuíta circulación da cultura, todos os libros editados por Estaleiro estarán colocados en internet para a descarga gratuíta. A rede tamén será o principal punto de distribución e venda para o libro impreso, aínda que tamén pode ser adquirido polas vías convencionais.

Asemade, Estaleiro ponse á disposición de calquera colectivo ou asociación do país que desexe elaborar un proxecto editorial propio, posibilitando que tales colectivos se centren na produción de contidos sen necesidade de destinar esforzos ao traballo editorial e meramente técnico ou loxístico.

Edita unicamente en galego, respectando a liberdade de norma. A súa actividade comeza en 2007 coa edición dos libros Plan de fuga, de Alberto Lema, Fume, de Rubén Ruibal e Carlos Losada, e Insomnio, de Rubén Ruibal. Os seguintes títulos serán A revoluçom pendente de Carlos Dias e O manifesto contra o traballo do Grupo Krisis. Quere ser un espazo de liberdade, non necesariamente marxinal, en que diferentes estilos, xéneros, temáticas, tendencias de pensamento e normas ortográficas conflúen sen complexos, tentando crear unha personalidade propia capaz de arriscar na descuberta de novos valores, estéticas e camiños para a arte e o pensamento.


Imprimir

Listado de tódolos libros

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |