Kalandraka
Kalandraka leva desde 1998 editando literatura infantil e xuvenil en galego, tanto obras orixinais como traducións de textos estranxeiros de calidade. O proxecto medrou en poucos anos e actualmente edita tamén en castelán, catalán e éuscaro e vende libros en Hipanoamérica, en Asia e no mercado anglófono. Kalandraka fai unha aposta firme polo álbum ilustrado, para favorecer a comprensión das historias por parte dos máis cativos mesmo antes de aprenderen a ler. Ademais, a editorial desenvolve un activo traballo a prol da animación á lectura mediante sesións de contacontos, encontros cos autores e exposicións dos ilustradores. Son títulos das súas coleccións Os Contos do Trasno, Makakiños, Tras os Montes, Demademora, Do berce á lúa e Tiramillas, entre outros. En só unha década de vida, Kalandraka obtivo xa seis Premios Nacionais de Edición do Ministerio de Cultura, en recoñecemento ao seu coidadoso traballo de edición.
Imprimir