Edicións Xerais de Galicia
Primeira editorial de Galicia en produción editorial desde inicios dos anos noventa, Xerais foi creada en 1979 para editar libros en lingua galega cunha orientación xeralista. A súa meta era abranguer todos os campos da comunicación impresa que fosen necesarios para Galicia. Na actualidade, o seu catálogo histórico anda polos 2.500 títulos, dos que 1.500 forman parte do catálogo vivo. O 22% do catálogo corresponde a libros de texto en lingua galega para o ensino primario e secundario. En canto á edición xeral, o 23% do catálogo corresponde á creación literaria (que comprende todos os xéneros) e o 22% á literatura infantil e xuvenil. Ten tamén unha importante oferta de publicacións lexicográficas (dicionarios e vocabularios), universitarias e de ocio. desde 1984, Edicións Xerais convoca anualmente os seus dous premios literarios: o Premio Xerais de Novela e mais o Premio Merlín de literatura infantil. Forma parte do Grupo Anaya desde a súa fundación.
Imprimir