Narrador e ensaísta
Manuel Veiga dirixe na actualidade o semanario A Nosa Terra e conta con recoñecemento pola súa obra ensaística e narrativa. Por esta última, na cal ofrece novelas que tanto removen no pasado como evidencian as estrías das relación interpersoais, recibiu os premios Xerais e García Barros.
Manuel Veiga marcha aos 17 anos, ao rematar os estudos de Bacharelato, para Madrid, onde residirá entre os anos 1977 e 1983. Neste período licénciase en Ciencias da Información e en Ciencias Políticas e Socioloxía, eido no que se doutora no 2001 coa tese La construcción social de la realidad regional gallega a través de la prensa. El caso del Faro de Vigo (1828-1923). Tras o regreso a Galicia no 83, instálase en Vigo e incorpórase á redacción do semanario A Nosa Terra, no que se manterá ata a actualidade.
Publica a súa primeira novela en 1998: As ruínas da cidade amada debuxa un estilo directo, que contén impresións verbo do enfrontamento entre o pasado digno e o presente minguado dunha vila. Polo contacto con ela inténtase reconstruír, para intentar entender, un acontecemento descoñecido que marcara, porén, a vida dun grupo de amigos.
O ano do seu doutoramento sae á luz un libro de dez relatos, Biografías de malogrados, enfiados polo cuestionamento da noción de éxito na sociedade contemporánea. De análise conciso e preciso, as palabras escollidas con tino adoitan resultar crúas nas descricións dos personaxes.
Tres anos despois, en 2004, recibe o Premio Xerais coa novela O exiliado e a primavera. Sitúase, cronoloxicamente, na etapa do último alento do franquismo, arredor do 74. O exiliado Alexandre Marrube regresa puntualmente á súa cidade natal por mor do enterro da súa nai. Alí poderá observar con agudeza o panorama social que vaticina unha democracia por vir pouco apetecible, de escasas expectativas. Artella a trama e as reflexións mediante unha narración lineal e diáfana, pero rica, combinación de elementos polos que con facilidade estabelece a comunicación co lector.
Manuel Veiga tamén obtén o Premio Manuel García Barros. A novela Lois e Helena buscándose un día de tormenta publícase en 2006 á beira do galardón. O trasunto da cidade (tamén protagonista) na que se desenvolve a acción pode ser Vigo. Todo transcorre nun só día, un en que Helena abandona a casa sen aviso previo. Lois intenta atopar causas, Helena contaraas nunha segunda parte. A incomunicación, o baleiro co que conviven moitas persoas, é o tema. A prosa empregada é afiada e de ritmo harmónico e mostra con habilidade grandezas e miserias, completando o cadro das relacións humanas.
No eido do ensaio, Manuel Veiga elaborou O pacto galego na construcción de España, que se publicou no 2003 e no que se detallan as relacións entre entre Galiza e o Estado español no período da Restauración. Deste xeito, a obra constrúe as caras do prisma que recolle todos os aspectos da vida social e política galega do momento, intentado explicalos, inserilos nunha estrutura estatal non só allea, senón tamén afastada.
Tamén é autor de varios artigos relacionados coa historia política e coa literatura. Entre eles destaca "Ánxel Fole. Unha vida truncada polo franquismo", do 97, "O apoliticismo da burguesía viguesa (1881-1931)", aparecido en Grial no 2001, “Unha lectura histórica de Faro de Vigo desde a actualidade" (2002), que se integra nos Estudios de Comunicación publicados polo Consello da Cultura. Ademais, achegou "Manuel María e o Deus das pequenas cousas. Revisión dos cincuenta anos de poesía do autor chairego", editado por A Nosa Terra no 2003, ou "Notas para unha biografía de Ángel Urzáiz, deputado por Vigo durante corenta anos" (2004). Algúns deles intérnanse na visión galega dos acontecementos estatais que afectaron, igualmente, á nación. Así, temos "O réxime de Primo de Rivera en Vigo e na provincia de Pontevedra: da esperanza á desilusión" (2004), “Guerra Civil. Do pacto de silencio a unha polémica explosión bibliográfica" (2005), en A Trabe de ouro, e "O lugar dos sentimentos na construción nacional" (2005) e "Por unha visión galega da guerra civil española" (2006), ambos os dous en Grial.