
Poeta e xornalista
Considerado, xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, un dos autores clave do Rexurdimento, Curros Enríquez irrompe na literatura galega de finais do século XIX esmagando co seu verso iracundo ao clero e ás clases privilexiadas que asoballan o campesiñado galego. Non hai grandes diverxencias na crítica á hora de describilo como un poeta realista de carácter cívico nin de sinalar a sincronía que sempre houbo entre a súa traxectoria vital e político-ideolóxica e o seu compromiso cos oprimidos desde unha perspectiva progresista, galeguista e republicana.
Curros Enríquez naceu en Celanova (Ourense) en 1851 e aos quince anos, afogado pola presión familiar exercida por un pai demasiado autoritario, trasladouse a Madrid para vivir co seu irmán Ricardo. Alí estudou o bacharelato e comezou a carreira de Dereito, que non chegou a rematar, sendo nesta época cando escribiu tamén o seu primeiro poema: “Cántiga”, un texto poético que de seguida se popularizou ao ser musicalizado.
Antes de cumprir os vinte anos Curros viviu o desterro cunha cada vez menos discutida estadía en Londres, unha experiencia que rematou coa promulgación dunha amnistía que, en outubro de 1870, lle permitiu volver primeiro á casa dos pais e, pouco despois, de novo a Madrid.
En 1871 Curros casa con Modesta Vázquez, natural de Puebla de Sanabria, e en 1873, trala proclamación da I República, deixa o seu traballo de escribente no concello de Madrid polo xornalismo, profesión que comezou exercendo na redacción de La Gaceta cunha duración ligada á da propia República, que cae a comezos de 1874. Neste ano, do que tamén datan as composicións “A primavera” e “A nena da fonte”, publica “A fouce do avó”, un dos poucos sonetos escritos na literatura galega do XIX, e escribe tamén “Oda a la guerra civil”, un texto clave que lle permitiu ingresar en El Imparcial, xornal no que fora publicada.
Pouco antes de traballar como cronista de guerra no norte de España Curros fundou, en 1875 e xunto con outros artistas contemporáneos, Galicia Literaria, a primeira sociedade de intelectuais galegos na emigración. Aínda que foron varios os poemas que escribiu, en castelán, para as súas tertulias, non é ata 1877 cando o celanovés se consagra como poeta en lingua galega, gañando un certame poético en Ourense coas composicións “A Virxe d'o Cristal”, “O gueiteiro” e “Unha boda en Einibó”.
Foi probablemente este autodescubrimento do poeta en galego o que anima a Curros a volver, a finais dese mesmo ano, a Ourense, onde obtén unha praza na Delegación de Facenda e onde asina, antes de regresar de novo a Madrid, en 1833, Paniagua y compañía (agencia de sangre) -1878- a súa única novela, e Aires d'a miña terra (1880), clara representación da súa xenreira contra o clero e as clases privilexiadas. As súas páxinas foron obxecto dun proceso xudicial que, ao tempo que o acusaba de atentar contra o libre exercicio dos cultos, acabou favorecendo a súa venda e difusión. Tanto foi así que en 1881, ademais do seu famoso poema “N'a chegada a Ourense d'a primeira locomotora”, apareceu unha segunda edición de Aires d'a miña terra ampliada con novos poemas.
En 1882, de novo en Madrid, Curros retomou o seu traballo no concello e no xornalismo, primeiro en El Porvernir, despois en El Progreso, e máis tarde en El País, todas elas cabeceiras republicanas.
Entre tanto, en 1882 gañou o Certame Político sobre Colón, do xornal madrileño La Correspondencia de España, e viu a luz en Madrid a tradución castelá de Aires d'a miña terra cun extenso prólogo de Blasco Ibáñez; en 1883 publicou en castelán Estudio biográfico-político de Eduardo Chao. En 1888 saíu do prelo O divino sainete, unha obra incisiva que inicia a comedia satírica dentro da literatura galega moderna e na que, seguindo o modelo argumentador de A divina comedia, o celanovés ridiculizaba os pecados e o afán de riquezas do clero.
En 1894 Curros Enríquez emigra a Cuba, país do que xa recibira mostras do interese pola súa obra e no que xa publicara un libro en 1883. Na Habana fundou La Tierra Gallega (que se publicou entre abril de 1894 e novembro de 1896) e escribiu tamén para El Diario de la Familia e Diario de la Marina. En 1904 e de volta na Habana, logo de realizar unha viaxe a Galiza, a súa saúde comeza a resentirse, polo que ingresa nunha casa de saúde do Centro Asturiano. Foi alí onde faleceu o 7 de marzo de 1908 e o 31 do mesmo mes os seus restos chegaron á Coruña, onde recibiu sepultura nun enterro multitudinario.