Poeta, narrador, autor teatral e ensaísta
Titular da primeira cátedra de Lingua e Literatura Galegas dende 1972 e membro numerario da RAG, cultivou todos os xéneros, maiormente a poesía. Así e todo, a súa obra literaria quedou ensombrecida pola súa actividade investigadora como filólogo, cunha forte contribución á promoción dunha normativa de carácter reintegracionista.
Ricardo Carvalho Calero naceu en 1910 en Ferrol, onde viviu até a mocidade. Posteriormente mudouse a Santiago para estudar Dereito. Na etapa universitaria iniciou unha intensa militancia política nacionalista e de esquerdas e participou na fundación do Partido Galeguista e na redacción do Anteproxecto de Estatuto de Galiza. Axiña ingresou no Seminario de Estudos Galegos, do que asumiu o proxecto de estudo rigoroso da realidade galega e os seus presupostos creativos, cultistas, vangardistas e universalistas. Nesta institución traballou en varias seccións, publicou na revista Arquivos e chegou a ser secretario.
En 1933 obtivo unha praza de administrativo na súa cidade natal, onde iniciou os estudos de Filosofía e Letras. Cando rematou, en 1935, pediu unha excedencia para dar aulas no Centro de Enseñanza General mentres preparaba as oposicións a cátedras.
Ao comezo da Guerra Civil vivía en Madrid. Participou na defensa da cidade como miliciano dun batallón organizado pola UXT. Trasladouse logo a Valencia e deseguido incorporouse ao exército de Andalucía. Ao remate da contenda foi detido e estivo dous anos no cárcere de Xaén.
En liberdade provisional instalouse de novo en Ferrol, onde traballou no ensino privado, mentres a ditadura lle prohibiu ocupar cargos públicos. Entre 1950 e 1965 viviu en Lugo e exerceu como director do Colexio Fingoi. Nesta etapa comezou a súa actividade lingüística. Doutorouse en Madrid coa tese “Aportaciones fundamentales a la literatura gallega contemporánea”. En 1958 ingresou na Real Academia Galega e en 1965 sacou unha praza en Lingua e Literatura en Santiago. En 1972 obtivo a cátedra de Lingüística e Literatura Galega, ano en que se estabeleceu definitivamente en Santiago de Compostela, onde morrería en 1990.
A súa obra poética aséntase sobre dous piares temáticos: un existencialismo pesimista e o encontro amoroso como plenitude. Un complexo sistema de opostos é un trazo permanente na súa literatura: a dialéctica entre o real e o ideal, a oposición pasado e presente e o xogo de contrarios entre o ser e o deber, que sitúan a ética no centro da súa reflexión. A principios dos 80 revisou a súa obra poética publicada ata entón e editouna en dous volumes: Pretérito imperfecto (1927-1961) e Futuro condicional (1961-1980).
O seu primeiro poemario en galego é Vieiros (1931). N'O siléncio ajoellado (1934) emprega o verso libre mesturado con achegas de imaxinería vangardista. Anxo de terra (1950) contén de novo poemas medidos, de contidos alucinados. Sinala un punto de madureza mantido en Poemas pendurados dun cabelo (1952) e Saltério de Fingoi (1961).
A partir de entón oscila entre a procura experimental e o desexo da mesura clásica. Acentúase o dominio lingüístico no que o filólogo non se afasta do poeta. No eido temático, intelectualiza a experiencia vital ao carón do seu persoal culturalismo. Esta nova etapa está reunida en Cantigas de amigo e outros poemas (1980-85) (1986) e Reticências... (1986-89) (1990).
A súa produción en prosa está recollida no volume Narrativa completa (1984). Inaugura a novela de posguerra con A xente da Barreira (1950, Premio Bibliófilos Gallegos), a historia dunha saga da fidalguía rural. Nos 50 xuntou unha serie de relatos realistas baseados na oralidade: "As pitas baixo a chuvia", "O lar de Clara", "A cegoña" ou "Aos amores serodios". Este conxunto complétase con Scórpio (1987), novela histórica con pegadas autobiográficas que percorre a República e a Guerra para retratar a xeración dos vencidos.
Máis ampla é a obra dramática: O fillo de Isabel (1936), A sombra de Orfeu (1948), A farsa das zocas (1948), A Árbore (1948), O redondel (1951), Auto do prisioneiro (1969) e Os xefes (1981). Estas pezas sitúanse na tradición galega, de temática popular, sen quedar alleas ás innovacións no contexto europeo coetáneo, do teatro do absurdo á alegoría existencial.
A partir de mediados dos 60 concentrouse nos estudos lingüísticos e de historia literaria. Á par de Gramática elemental do galego común (1966), foi un dos redactores principais das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola Academia en 1970. Devagar foise distanciando desta liña ata a publicación en 1981 de Problemas da língua galega, texto a prol dun reintegracionismo lingüístico co portugués como vía para a normalización.
Entre a súa prolixa produción ensaística que ten como obxecto a literatura atópanse Sobre lingua e literatura galega (1971), Estudos rosalianos (1979) ou Escritos sobre Castelao (1989). A súa contribución fundamental neste eido é a Historia da literatura galega contemporánea (1975), da que é debedora a investigación posterior.