Autores

Carlos Casares Mouriño

1941, Ourense - 2002, Vigo

Narrador, ensaísta, articulista.

Narrador, articulista, crítico literario e editor, Carlos Casares foi presidente do Consello da Cultura Galega, director da Editorial Galaxia e da revista Grial e un dos autores con máis recoñecemento na narrativa dos últimos anos, con títulos como Os mortos daquel verán ou Deus sentado nun sillón azul.

Carlos Casares pasou a infancia en Xinzo de Limia e trasladouse logo á cidade de Ourense, para continuar estudando, inicialmente no Seminario e logo no Instituto. Será ao coñecer a Vicente Risco cando se inicie unha relación coa literatura galega que manterá ao longo da súa vida, así como a admiración intelectual polo mestre, a canda Ramón Piñeiro con quen inicia amizade ao ir para Santiago de Compostela estudar Filosofía e Letras. Neses anos comeza a publicar poemas e relatos nos primeiros números da revista Grial.

Desde 1977 foi membro da Real Academia Galega e no 1982 deputado no primeiro Parlamento galego ao que se presentara como independente nas listas do PSOE. Anos despois combinará a escrita e a docencia e en 1996 é elixido presidente do Consello da Cultura Galega.

Na súa dimensión de investigador e crítico achegou aos estudos literarios biografías de Curros Enríquez (1980), Vicente Risco (1981) e Otero Pedrayo (1981); o estudo e edición da Obra completa de Curros Enríquez (1992); un libro de Conversas con Ánxel Fole (1984) e Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia (1991) ou A vida do padre Sarmiento (2001).
Do seu labor como ensaísta salientan Hemingway en Galicia (1999) ou Un país de palabras (1998).

No apartado da creación Casares optou fundamentalmente pola narrativa e dentro da súa traxectoria a crítica sinala adoito dúas etapas, unha vangardista e anovadora que se inicia en 1967 co libro de relatos Vento Ferido; e outra máis realista que comeza en 1980 con Ilustrísima. Na primeira dominaría o espírito rupturista e experimental da Nova Narrativa Galega, a canda o conxunto de escritores que publicou as súas primeiras obras nas décadas de 1950-60 e trataron de incorporar a renovación técnica que proviña do Nouveau Roman e de autores como Faulkner ou Dos Passos. Doce relatos constitúen Vento ferido, unha obra marcada pola violencia, a soidade, a monotonía e o fatalismo.
Considérase que Cambio en tres (1969) é o seu libro formalmente máis innovador, coa inclusión de caligramas ou da técnica do monólogo interior, aínda que se achegue a un tema tradicional, a emigración.

A novela de iniciación e retrato xeracional Xoguetes para un tempo prohibido (1975) recibiu o Premio da Crítica Galega, e catro anos despois dá ao prelo Os escuros soños de Clío, colección de relatos breves a camiño entre a historia e a ficción.

Ilustrísima (1980) recrea o mundo eclesiástico nunha pequena cidade galega a comezos do século XX para falar da intolerancia e das diferentes formas de opresión. Os mortos daquel verán (1987), merecedora do premio Losada Diéguez, é unha novela de aparencia documental centrada nun episodio da guerra civil. Os anos da posguerra e a historia recente serán tamén o lugar ao que Casares volva en Deus sentado nun sillón azul (1996) reflexión sobre a memoria e a relación da clase intelectual co poder. O sol do verán (2004), a novela que pecha a súa produción, é unha historia de amor e morte, un canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida e da memoria nunha continuación do seu achegamento cara ao realismo.

Casares achegouse tamén con éxito á literatura infantil e xuvenil en obras como A galiña azul (1968) ou a peza de teatro As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), levada ás táboas polo Centro Dramático Galego en 2004.

No relativo á súa presenza na prensa escrita, cunha columna no xornal La Voz de Galicia ao longo de catorce anos, esta aparece compilada por primeira vez no volume Na marxe de cada día: follas dun diario (1994). Desde o 2005 até hoxe, a Editorial Galaxia foi xuntado os seus artigos en volumes, o inicial dos cales é Á marxe, 1992. Obra xornalística I e o de máis recente aparición, en decembro de 2007, conforma o número 6. Por estas colaboracións recibiu os premios de xornalismo Fernández Latorre 1983 e o Julio Camba 1995.


Imprimir



Libros de Carlos Casares

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |