
Narrador, poeta
Ramiro Fonte, licenciado en Filosofía e Letras, escribiu poesía, narrativa, ensaio e crítica. Foi profesor de Lingua e Literatura Galega, membro correspondente da Real Academia e dirixiu o Instituto Cervantes de Lisboa.
Poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega, formou parte dos poetas do Colectivo Cravo Fondo. Como poeta publicou: As cidades da nada (1983); Designium (1984), Premio da Crítica e Premio Losada Diéguez de creación; Pensar na tempestade (1986); Pasa un segredo (1989), Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas (1991); Adeus norte (1991), Premio Esquío; Luz de mediodía (1995); Persoas de amor (1995); O cazador de libros (1997); Mínima moralidade (1999), Premio González Garcés; Capitán inverno (1999); e A rocha dos proscritos (que na edición de 2005 inclúe o libro “O pasaxeiro inmóbil”).A súa obra poética foi antologada en Ámbito dos pasos (1997).
Como ensaísta publicou As bandeiras do corsario (1996).
Como narrador deuse a coñecer en 1986 co relato O retornado, Premio Pedrón de Ouro, ao que lle seguiron, Catro novelas sentimentais (1988); As regras do xogo (1990); Aves de paso (1990); Iluminacións danubianas, relato incluído no volume Caderno de viaxe (1989); Razóns para matar a Martíns, incluído no volume O relato breve. Escolma dunha década (1990); Os leopardos da lúa (1993), novela; Soños eternos (1994), relato e a triloxía das novelas Vidas de infancia formada por Os meus ollos (2003), Os ollos da ponte (2004) e A ponte nos ollos (2007).
[fonte: Edicións Xerais]