Autores

Lois Tobío Fernández

1906, Viveiro

Tradutor, ensaísa, narrador

Lois Tobío foi, ademais de diplomático, fundador do Seminario de Estudos Galegos, político, xornalista e tradutor, un escritor cunha reducida pero intensa obra en lingua galega. A súa autobiografía, As décadas de T.L., son sen dúbida o principal testemuño do seu tipo na Galicia e no exilio da primeira metade do século XX.

Lois Tobío Fernández naceu en Viveiro en 1906 nunha familia numerosa de clase alta desa vila (por parte materna) e de clase alta de Pedrouzos por parte paterna. O seu pai, Lois Tobío Campos, mestre de escola, foi amigo de Manuel Murguía e autor de diversos libros de poesía e de recollida de textos populares. Por esa parte, ademais, Tobío era parente da familia de Rosalía de Castro, coa que mantivo unha certa relación.

Mentres realizaba estudos de Dereito en Santiago de Compostela, Tobío trabou amizade con Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Martínez López ou o seu profesor Armando Cotarelo Valledor, cos que participará na creación do Seminario de Estudos Galegos, a institución de difusión e investigación cultural máis importante da preguerra, que se converteu no arquivo máis importante de material galego e que foi desmantelada logo do conflito civil de 1936. No Seminario Tobío desempeñou os cargos de secretario e de coordinador da sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas, e para el escribiu distintos traballos, sobre temas que ían dende análise do dereito civil galego ata a historia da vila de Viveiro e das súas institucións.

En 1929 marcha a proseguir estudos a Alemaña, onde consolidará o seu nivel de alemán que lle valerá no seu traballo futuro como tradutor, e onde trabará relación con intelectuais españois da preguerra e co ambiente diplomático, nunha Alemaña que vivía a aparición do nazismo. En Berlín será o anfitrión de Vicente Risco, que chegará á cidade nunha viaxe ao centro do continente relatada posteriormente na súa obra Mitteleuropa.

De volta a Galicia, e mentres buscaba de aprobar unhas oposicións que lle desen tranquilidade laboral, ingresará no Partido Galeguista e participará na redacción do primeiro Estatuto de Autonomía, do que será coordinador e un dos principais redactores grazas aos seus coñecementos de dereito civil e político. En 1932 convértese en diplomático e en 1933 viaxa a Bulgaria como secretario da embaixada española nese país, onde permanecerá logo do estoupido da Guerra Civil como embaixador leal á República. Despois regresará a España e ocupará diversos traballos no bando republicano, tanto nas oficinas ministeriais como na fronte do Ebro, ata que en 1939 se exilia, primeiro a Francia, logo a Cuba, logo a México e finalmente a Uruguai, onde pasará máis de vinte anos de vida, traballando para unha empresa farmacéutica.

Voltará do exilio en 1962 e instalarase en Madrid, onde seguirá traballando ata a súa xubilación. É a partir dese momento cando nace con todo o seu brillo o Tobío literato: é nesa época, e principalmente na década dos oitenta e dos noventa, cando realiza o maior número de traducións de carácter literario, cando publica todos os seus ensaios sobre a vida e obra do conde de Gondomar, e cando redacta a súa autobiografía As décadas de T.L. (1994), obra fundamental do xénero en galego e clave para coñecer o acontecido na Galicia republicana e no exilio galeguista do Río da Prata. Faleceu o 13 de marzo de 2003, a piques de ser centenario, en Madrid.

Outras obras:

A nova vida, Ediciós do Castro, 2006 (póstuma). Narrativa.
Catro ensaios sobre o Conde de Gondomar, Patronato Ramón Otero Pedrayo, 1991
Gondomar y los católicos ingleses, Ediciós do Castro, 1987
Gondomar y su triunfo sobre Raleigh, Bibliófilos Gallegos, 1974
A intervención de Gondomar nos problemas internacionais da pesca, Ediciós do Castro, 1984.

Traducións:

Os sonetos a Orfeu, de Rainer Maria Rilke, publicado en 1980 por Ediciós do Castro
Fausto, de Goethe. Laiovento, 1982.
Nai coraxe e máis os seus fillos, de Bertold Brecht. Ediciós do Castro, 1987


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |