Autores

Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves

1889, Rianxo - 1981, Santiago de Compostela

Narrador, dramaturgo, ensaísta

Rafael Dieste formou parte dunha xeración, a de 1925, que propuxo un cambio do sistema literario galego para afastalo do sentimentalismo decimonónico. Os seus desexos renovadores plasmáronse en toda a súa obra, estruturada arredor da solidariedade humana e dunha grande solidez a pesar da inestabilidade vital do autor (a contenda de África, a guerra civil, o exilio...), pero sobre todo en dous libros especialmente significativos: Dos arquivos dos trasno e A fiestra valdeira.
Na vila mariñeira de Rianxo, onde anos antes nacera Castelao e ao pouco o faría Manuel Antonio, naceu en 1899 Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves. Rematados os primeiros estudos, en 1917 decidiu interromper a súa carreira de Maxisterio en Santiago de Compostela, na que se matriculara por libre en 1914, para viaxar a México, onde viviu durante case un ano cun dos seus sete irmáns. Dalgunha forma o financiamento da pasaxe de volta, pagada cos cartos dun premio literario convocado polo Casino Español de Zampico, foi un adianto da viaxe literaria que o rianxeiro iniciou ao volver, e logo de finalizar os estudos que deixara aparcados.

En 1921, despois de publicar os seus primeiros contos na revista Galicia Nueva de Vilagarcía de Arousa e en Cuentos Nuevos de Santiago de Compostela, comezou o servizo militar na capital de Galiza para trasladarse ao pouco, e a raíz do desastre de Annual, a África. Alí, e malia as erradas insistencias do seu amigo Manuel Antonio para que desertase, participou na guerra colonial das montañas do Rif ao tempo que editou, con outros compañeiros, unha revista en galego que titularon Charamuscas.

En 1923, xa de volta, comeza a etapa xornalística do rianxeiro, que asina nas páxinas de Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego os seus primeiros artigos, expresión ideolóxica do seu compromiso co galeguismo e o republicanismo, e algúns dos contos cos que en 1926 publica, con cartos do seu peto, Dos arquivos do trasno. Un ano despois, a lectura do texto dramático A fiestra valdeira, do que sairía unha segunda edición en Bos Aires en 1958, convértese na súa lectura de ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nunha peza mestra do seu xénero.

No ano 1930, e despois dunha breve estancia en Londres, Dieste marcha a Madrid co desexo de formar parte dos seus círculos literarios, unha integración que se produce ao pouco co seu ingreso nas Misións Pedagóxicas, inspiradas no pensamento educativo da Institución Libre de Enseñanza, e que consolida como director de Teatro Guiñol, compañía para a que escribiu numerosas farsas traxicómicas. Como pago do labor realizado nestas Misións a Junta de Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa que lle permitiu viaxar por varios países europeos para coñecer as correntes teatrais do momento. Ao pouco de regresar sorpréndeo a guerra civil, un acontecemento que se marcará a súa posterior experiencia vital, primeiro no combate e despois nun exilio que o leva, sucesivamente, a Bos Aires, Londres, Cambridge, Monterrey e novamente a Bos Aires.

Nestes anos exerce como director literario da Editora Atlántica e escribe, entre outras obras, Rojo farol amante (1940), Historias e invencións de Félix Muriel (1943), Viaje, duelo y perdición (1945), así como numerosos ensaios sobre arte, filosofía e matemáticas.

De regreso a Galiza en 1960 Dieste colaborou en diversas publicación e participou en numerosas conferencias, homenaxes, mesas redondas... que foron recollidas despois da súa morte, acaecida en 1981, no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1970 ingresara na Real Academia Galega e meses antes da súa morte reunira en Antre a terra e o ceo (1981) algúns dos varios centos de artigos asinados durante a súa etapa viguesa.


Imprimir



Libros de Rafael Dieste

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |