Autores

Fina Casalderrey Fraga

1951, Xeve (Pontevedra)

Narradora, poeta, dramaturga

O estilo desta autora é profundamente didáctico. De lingua coidada, o seu quefacer literario é versátil, o mesmo publica investigacións culinarias que literatura infantil e xuvenil. Pretende achegar mundos simbólicos parellos ás realidades dos rapaces, coa fin de permitirlles crecer ordenadamente ao transmitirlles as chaves precisas para a comprensión do mundo.

Fina Casalderrey Fraga é profesora de Educación Secundaria en Marín. A investigación etnográfica é a súa vocación, pola que, xunto co seu labor de investigadora gastronómica, recibiu varios premios. Tamén a súa obra literaria e xornalística foi recoñecida con galardóns e traducida a todas as linguas do Estado.

A narración infantil, ámbito en que se desenvolve con mestría, foi o que primeiro probou no exercicio da escrita: deuse a coñecer en 1991 con Mutacións xenéticas, libro en que, empregando unha trama de misterio e rozando a ciencia-ficción, enuncia os perigos da relación ciencia-poder. Ese mesmo ano consegue o Premio Merlín de literatura infantil con Dúas bágoas por máquina, obra que se publicará en 1992. Nesta narración combínanse a perspectiva do narrador coa da protagonista. Nela, a nena e o can protagonistas desenvolven as súas experiencias nunha contorna adulta hostil. En A noite dos coroides (1993) retoma a ciencia-ficción, expondo unha viaxe iniciática nun planeta inexistente (unha sorte de Terra sen aspectos negativos). Trala consecución do Premio Casa de Galicia de León co relato “A rosquilleira”, aparece en 1994 Chamizo. Esta obra caracterízase pola redución da dimensión espazo-temporal e pola defensa dos animais, inquietude que permanecerá ao longo da súa obra. ¡Asústate, Merche!, datada do mesmo ano, é xa literatura xuvenil. Nela, a protagonista reconstrúe o mundo adulto a través dunha viaxe por Europa. Con azos de misterio que atravesan toda a novela, trátase o tema do suicidio dende o seu inicio.

O misterio dos fillos de Lúa, de 1995, foi galardoada co Premio Barco de Vapor e co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 1996, ano en que ofrece O estanque dos parrulos pobres (1996), co que obtén o Premio

Edebé de Literatura Infantil. Tamén de 1996 é Prohibido casar papá, recoñecido ao ser incluído na lista de “The White Ravens” en 1998. Ás de mosca para Anxo aparece precisamente nestas datas, para ser reeditada no 2002. Pimpín e dona gata (1999) ou O misterio do cemiterio vello (1999) foran as últimas novelas aparecidas ata que en 2007 regresa con A lagoa das nenas mudas e A Pomba e o Degolado.

Bicos de prata, (1999), A máscara de palma, (2001), Cando a Terra esqueceu xirar, (2002), Filla das ondas ou ¡Un can no piso! ¿E que?, ambas as dúas aparecidas en 2003, son outras das achegas da autora.

Porén, Fina Casalderrey tamén se sente cómoda en estruturas máis breves, nas que é perfectamente capaz de afondar na educación ou (re)ordenación do universo infantil e xuvenil, no seu afán de achegarlles aos rapaces e adolescentes os instrumentos necesarios para entender o seu mundo, ao expor os feitos xogando con protagonistas próximos a eles. Atópanse os recursos precisos para articular unha comprensión lúcida, durante a infancia e a adolescencia, a propósito da vida. Esta proximidade conséguese tamén nos seus contos. Así, temos ¡Puag, que noxo! (1997), Unha raíña negra (1998), Cuca e o abrigo marrón (1998), Nolo e os ladróns de leña (1998), Unha pantasma branca (2001), O avó é sabio (2002), O avó sae de paseo, A avoa non quere comer, A avoa ten unha menciña ou Derradeira carta ós Reis Magos, do mesmo ano. Máis recentemente, publica ¿Quen me quere adoptar? (2005).

Por outra banda, realiza a súa obra gastronómica nun tándem con Mariano García. Neste eido publicou O libro da empanada, Festas gastronómicas de

Galicia e Repostería en Galicia.

Así mesmo, cultivou a poesía e o teatro, e dirixiu algunhas das súas obras levadas á escena polos seus alumnos, para os que tamén realizou adaptacións de contos clásicos.

No ano 2006 élle concedido o Premio Irmandade do Libro á Autora do Ano.


Imprimir



Libros de Fina Casalderrey

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |