Autores

Eduardo Modesto Blanco Amor

1897, Ourense - 1979, Vigo

Narrador, poeta e dramaturgo

O autor das novelas Xente ao lonxe e d'A esmorga ten hoxe un espazo non discutido no noso canon literario. Ademais de narrador, foi poeta, escribiu pezas de teatro e traballou como xornalista. Pertencente á xeración que viviu a guerra e o exilio, foi na década de 1970, de volta en Galicia, onde se converteu nun dos mestres da narrativa.

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897. Tivo unha infancia marcada pola separación dos pais e por unha saúde feble. De formación fundamentalmente autodidacta, a asistencia ás clases de Vicente Risco parece determinante na súa vocación de escritor e na súa vontade de universalización da cultura galega. Desde moi novo comezou a traballar de xornalista, profesión que desenvolveu ao longo de toda a vida, xunto co seu labor como conferenciante, animador cultural ou profesor.


Con vinte anos decide emigrar a Bos Aires e alí toma contacto cos grupos galeguistas que se movían na vida cultural da cidade. De mediados dos anos 20 do século pasado son as súas primeiras colaboracións no diario La Nación, e como correspondente deste xornal volve ao Estado español en 1928, e logo entre 1933 e 1935, cando establece contacto con escritores españois da Xeración do 27, nomeadamente con Alberti e con Lorca, a quen convenceu para que publicase os Seis poemas galegos (1935) que saíron cun prólogo seu, así como coa xente do grupo Nós e con Castelao. Nestes anos viron a luz os seus primeiros libros Romaces galegos, de traza modernista e Poema en catro tempos, encadrado nunha estética ligada á obra de Manuel Antonio. Desde Bos Aires colaborará logo coa revista Nós, onde publica varios poemas e algúns capítulos dunha novela que non chegou a rematar, A escadeira de Jacob.

Emigrante que pasou a ser exiliado, Blanco Amor desenvolveu nos anos da guerra civil española unha actividade xornalística intensa a prol da lexitimidade republicana. Ao longo dos seguintes anos o seu traballo literario vaise desenvolver ao mesmo tempo có seu labor cultural na comunidade galega emigrada, con Arturo Cuadrado, Luís Seone ou Castelao. Xa autor de poesía e de narrativa e dunha ampla produción xornalística en castelán, regresa ao galego coa obra poética Cancioneiro (1956) e en Bos Aires publicouse no ano 1959, logo de varios intentos da editorial Galaxia por tirala aquí fanados pola censura, a novela A esmorga, obra cimeira da súa produción e fito na narrativa galega pola súa innovación técnica e temática, pola ruptura que supuña unha historia de trazo urbano, proletario, lindeiro no marxinal, a inclusión da violencia ou da sexualidade.

A comezos da década de 1960 volve a Galicia, onde viron a luz as súas novas achegas narrativas e teatrais. Primeiro o libro de relatos Os biosbardos (1962), onde retoma Auria e aparecen os recordos da infancia de visión lírica mais non idealizada e logo Xente ao lonxe (1972, censurada; 1976, completa) a un tempo novela de iniciación sentimental do seu protagonista, Suso, e crónica definitiva da incorporación do proletariado urbano ourensán á narrativa na que asistimos ao xurdir das agrupacións sindicais nos comezos do século XX.

No ano1961 accedeu a unha cadeira da Academia Galega, fixou a súa residencia en Vigo e comezou o seu traballo no Faro de Vigo.

E se en Bos Aires fundara e dirixira o Teatro Popular Galego, dedicará os seus últimos anos á escrita teatral con títulos como Farsas para títeres (1973), Teatro para a xente (1974) e Proceso en Jacobusland (1980) obras en que se percibe unha vontade estilizadora dun teatro popular mediante a recorrencia ao cómico, ao grotesco ou tamén cun enfoque máis amábel pola vía lírica.

Blanco Amor finou en Vigo en 1979, nun tempo en que a narrativa galega perdeu as que foran as grandes voces que viñan de antes da guerra, a canda el Cunqueiro, Fole, Otero, e fica soterrado en Ourense, no cemiterio de San Francisco.


Imprimir



Libros de Eduardo Blanco Amor

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |