Xosé María Álvarez Cáccamo naceu en Vigo en 1950. Criouse nunha familia de grande importancia intelectual e de trascendencia na política dos primeiros anos do século XX. Xa o seu bisavó, Emilio Álvarez Giménez, foi un profesor xabrés que escribiu teatro e algúns poemas a finais do XIX. O seu avó, o médico tudense Darío Álvarez Limeses, foi fusilado en 1936 por galeguista e republicano. O seu pai Xosé María Álvarez Blázquez e os seus tíos Darío e Emilio tamén escribiron, fundamentalmente o primeiro deles, a quen se lle dedicou en 2008 o Día das Letras. Ademais, o seu irmán Alfonso tamén se dedicou á literatura galega, fundamentalmente á narrativa. Boa parte desta traxectoria familiar foi recollida polo propio Xosé María en 2005 no libro
Escolma de familia. Cen anos de poesía. Criado nas Travesas de Vigo, licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, e en 1973 comeza a dar clase no ensino secundario, actividade profesional que manterá ata a actualidade, pasando por institutos de Santiago, Ourense e Vigo.
Comezou a súa andaina en castelán con
Laberinto el clavicordio, publicado en 1977, que foi o seu único libro nese idioma. A partir de
Praia das furnas, de 1983, iniciará unha amplísima traxectoria poética en galego, con máis dunha ducia de títulos, plenamente incorporados ao marco xeral dos creadores da xeración dos oitenta, nunha poesía sinxela e existencial onde abondan os xogos de palabras e que está moi afastada do preciosismo doutros dos integrantes desa promoción literaria. Algunhas desas obras, que como en xeral as producións poéticas, non gozaron da estima do público, si recibiron o respaldo da crítica e dos premios. Así
Os documentos da sombra foi premio da Crítica española en 1986,
Luminoso lugar de abatimento (1987) obtivera o IV premio Esquío no ano anterior,
Cimo das idades tristes foi finalista do premio Leliadoura en 1988, e
Calendario perpetuo (1997) foi premio da Crítica de Galicia ao ano seguinte. Ademais da publicada en libros e recompilacións, unha importante parte da súa obra poética está ciscada en numerosas revistas como Poesía Hispánica, Coordenadas, Dorna ou o Boletín Galego de Literatura. Moitos deles foron recollidos en
Ancoradoiro. Obra poética 1983-2003, de 2003.
Pero a súa produción non remata coa poesía: ten traballado episodicamente o teatro, a narrativa breve, o ensaio filosófico e a literatura especificamente creada para rapaces e rapazas, con títulos de grande distribución, coma 'Pedro e as nubes', de 1996 ou o
Ganapán das palabras de 1998. Con todo, neste epígrafe da literatura non poética a súa achega máis importante é o volume de crónica e autobiografía
Memoria de poeta, onde cultiva un xénero escaso na produción literaria galega, e mais as súas edicións críticas e estudos sobre a produción poética doutros autores. Neste aspecto, merecen especial atención as edicións críticas de
Longa noite de pedra e
Onde o mundo se chama Celanova, as dúas de Celso Emilio Ferreiro, así como da
Poesía galega completa de seu pai Xosé María Álvarez Blázquez. Tamén foi o encargado das antoloxías
50 anos de poesía galega (1994) en colaboración con Carlos Bernárdez, e de diversos artigos e estudos sobre Antón Avilés de Taramancos.
Outras obras:
Galego cero, 1979 (libro de texto sobre lingua)
Arquitecturas de cinza, 1985 (poesía)
Monólogos, 1987 (teatro, volume colectivo onde participa con 'Monstro do meu labirinto)
Casa durmida, 1988 (teatro)
Fragmentos de mar, 1989 (poesía)
Acordar contigo á alba, 1991 (antoloxía onde se inclúen poemas del)
Prego de cargos, 1991 (poesía)
O lume branco, 1991 (poesía)
Microtopafanías, 1992 (narrativa)
Magrittex3, 1993 (ensaio en colaboración con outros autores)
Colección de espellos, 1994 (poesía)
A luz dos desnortados, 1996 (narrativa breve)
A escrita das aves de marzo, 1997 (poesía)
Novo do trinque, 1997 (volume colectivo de relatos no que participa con O tempo que nos queda)
Os cadernos da ira, 1999 (poesía)
Vocabulario das orixes, 2000 (poesía)
Dinosaurio Belisario, 2001 (poesía para nenos)
Depósito natural (1995-2001), 2002 (poesía)
Lúa de pan, 2002 (poesía para nenos)
Vida de Antón Avilés de Taramancos, 2003 (biografía)
Vilar dos fillos, 2004 (poesía)