
Narradora, ensaísta
Rexina Vega, a gañadora do Premio Xerais 2007, era unha autora coñecida no ámbito da investigación académica sobre a obra de Álvaro Cunqueiro, de quen leva publicados artigos e monografías. A novela Cardume, unha obra no ronsel da recuperación da memoria da guerra civil, ocupou abondas páxinas do presente do campo literario.
Rexina Vega é profesora e investigadora no ámbito da literatura galega, e especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que ten publicados abondos estudos, entre eles Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (Laiovento, 1997) premio Carballo Calero de investigación. Nesta mesma estela, doutorouse en Filoloxía Románica coa tese “Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro”.
Nos anos anos noventa exerceu a docencia na área de Filoloxía Galego-portuguesa da Universitat Autònoma de Barcelona.
O seu labor como crítica pode atoparse en publicacións como A Nosa Terra, Grial, o Anuario de Estudos Literarios Galegos ou Quimera, así como para o referido ao teatro na revista El Público.
Dentro do eido da lexicografía, ademais da publicación de artigos teóricos no Instituto Cervantes e en actas universitarias, traballou como redactora de numerosos dicionarios bilingües da editorial Larousse e no Diccionario Vox galego-castelán.
Recibiu o Premio Sthendal, e quedou finalista do Premio nacional de tradución, pola obra de Georges Perec El secuestro.
Vega foi tamén responsábel da edición dos artigos ensaísticos de Suso de Toro compilados baixo o título Ten que doer. Literatura e identidade.
Na actualidade é profesora asociada do departamento de Lingua española na Universidade de Vigo e de lingua e literatura galega no ensino secundario e ten na rúa a novela Cardume, coa que no vieiro que andaron outras narradoras que hoxe contan co recoñecemento e visibilidade de Teresa Moure, Rosa Aneiros ou Anxos Sumai, chegou ás páxinas de cultura ao gañar o Premio Xerais 07.