Ensaísta e historiador
Ramón Villares Paz é un dos historiadores galegos máis coñecidos en Galicia e fóra das súas fronteiras. A súa traxectoria pública como especialista en historia moderna e contemporánea, pero tamén como divulgador, xornalista e político, fixo del unha figura senlleira no panorama do ensaio.
Ramón Villares Paz naceu en 1951 na aldea de Cazás, no concello chairego de Xermade. Licenciado en Filosofía e Letras pola universidade de Santiago de Compostela, ben axiña entrou a formar parte do claustro desa universidade, onde compaxinou a súa faceta investigadora e divulgadora con labores administrativos e políticos. Así, doutorouse no ano 1980, foi decano da Facultade de Xeografía e Historia compostelá a finais desa década e en 1990 converteuse no primeiro reitor da universidade que chegaba ao goberno da institución apoiado por un conxunto de profesorado de esquerdas e nacionalista. Posteriormente, entre 1998 e 2006 foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e a partir dese último ano ocupou o cargo de máis alta representación cultural en Galicia: o de presidente do Consello da Cultura Galega, institución coa que xa colaborara como director do Arquivo da Emigración.
A súa especialidade como investigador da historia é a análise da economía da Galicia moderna e contemporánea, en especial a da propiedade da terra e das relacións sociais derivadas. A súa é pois unha posición que podemos enmarcar dentro da historia social, seguindo a autores como Josep Fontana, que procuran identificar tendencias e movementos económicos de grande calado a partir de datos obtidos noutras pescudas primarias: non é polo tanto unha investigación sobre fontes, senón unha interpretación. Desta liña son os numerosos ensaios, publicados tanto en galego como en castelán, da súa primeira época: La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (1982) Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia (1982) ou Señores y campesinos en la península ibérica (1991), en colaboración co profesor Pegerto Saavedra.
Pero a súa produción literaria transitou tamén outros vieiros, máis próximos do ensaio divulgativo ca do labor científico. Así, a súa fundamental A historia (1984) converteuse no manual de referencia para estudar a historia galega, a pesar da súa concisión: nela trazaba unha panorámica da historia de Galicia e "dos pobos que habitaron o seu territorio" que ía dende a prehistoria ata a época practicamente contemporánea. O seu éxito de vendas levou a sucesivas reedicións e reimpresións, e a unha revisión moi completa e ampliada editada en 2004 xa baixo o título de Historia de Galicia. Esa faceta máis divulgativa fixo que escribise títulos que, sen perder o rigor histórico, achegasen perspectivas máis transversais á investigación histórica, como as que se poden seguir en 'Figuras da nación' (1997), onde analiza o labor de distintos pensadores nacionalistas, Clío nas ondas (2007), onde recolle as súas colaboracións radiofónicas no programa Diario cultural, ou Galicia, siglo XX, unha obra de resumo histórico e análise coordinada por el e destinada a ser repartida co xornal La Voz de Galicia. A solidez da súa escrita ensaística levouno a ser nomeado académico da Real Academia Galega en 2006.
Ademais, é membro do consello editorial de diversas revistas especializadas en historia tanto no mundo hispánico como lusófono, como Análise Social, Ler História, Ayer ou Historia Social ou Perspectivas Históricas, e foi presidente durante seis anos da Asociación Española de Historia Contemporánea.
Outras obras:
Donos de seu (editor) (1988)
La ciudad y el mundo urbano en la historia de Galicia (1988)
Desamortización e réxime de propiedade (1994)
Historia da emigración galega a América (1996)
Idea da Universidade (1996)
El mundo contemporáneo, (2001)
El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX (2001), en colaboración con Antón Baamonde