
Poeta
Chus Pato leva a canda si o labor de abolición de estremas entre os xéneros, a reflexión sobre a linguaxe, a construción da memoria feminina ou o diálogo teimoso con outras voces do campo poético, político, ensaístico. A súa obra configura hoxe un macrotexto que a crítica coincide en sinalar como “Ganges de palabras”, como poética radicalmente abranxente.
Chus Pato é licenciada en Xeografía e Historia na especialidade de Historia da Arte e profesora destas materias en ensino secundario.
O seu compromiso coa realidade de hoxe condicionou a súa militancia política: foi unha das fundadoras da asociación estudantil antifranquista ERGA e do grupo de acción cultural Redes Escarlata, militou na UPG e, xa en tempos máis recentes, na organización independentista Fronte Popular Galega.
Os seus primeiros poemas apareceron na revista Escrita (1984) e en anos posteriores puideron lerse en diversas publicacións: Luzes de Galiza, Festa da palabra silenciada, Andaina, Ólisbos, Revista das Letras, Dorna, Clave Orión, A Trabe de Ouro ou en libros colectivos: Palabra de muller, Sete poetas ourensáns. No ano 1992, a canda outras sete mulleres, publica en Edicións do Dragón a carpeta poética 8 e medio.
En 1991 ve a luz o seu libro de poemas, Urania, dous anos despois de recibir o Premio Xouba verde do colectivo poético Ronseltz e polos mesmos en que un dos seus integrantes, Xavier Cordal insistía en que deberan ver a luz este e o seguinte xa escrito a finais dos 80, Heloísa e que sairá en 1994. Son estes os textos que a sitúan como unha voz en que o peso da reflexión sobre as estremas da linguaxe, a configuración da identidade feminina e a construción da nación van ser os nós determinantes.
Continúa a súa produción con Fascinio no ano 1995 e o ano seguinte con dous poemarios Nínive e A ponte das poldras, este último, en palabras da autora, un libro sobre a Limia por pedimento de Emilio Araúxo. Nínive cualificado por Pato como “libro atroz” verbo do desposuimento afonda na transgresión dos xéneros literarios fundamentalmente polo seu fragmentarismo e pola recolleita de materiais diversos
Pero vai ser m-Talá, xa no 2000, o poemario que sitúe a voz de Chus Pato nun espazo de atención prioritaria, o sinalado adoito pola crítica como libro clave na poética dos primeiros anos do século XXI. Acolle diferentes tipos textuais, desde o biográfico até o ensaio filosófico e ao tempo unha polifonía de voces que van desde a da propia autora á dunha pléiade de personaxes imaxinarios e reais que se manifestan en múltiples subxéneros: fragmentos teatrais, entrevistas, programas radiofónicos, etc.
Charenton supón un afondamento da ruptura da voz da poeta con conceptos da modernidade como lírica, xénero, nación, nunha calidade poliédrica que é a un tempo verso, diálogo, prosa e manifesto. As marcas do humor e as estremas do desequilibrio son outros nós salientábeis dunha escrita que se quere infinda.