Poeta e ensaísta
Paulino Vázquez foi recoñecido como un dos máis destacados renovadores da lírica galega durante a xeración dos oitenta. A orientación da súa escrita é fondamente metafísica, buscando o esencial da existencia a través do emprego dun estilo requintado e de pegadas culturalistas.
Paulino Vázquez nace na casa da aldea materna, casa da que dirá ser o tema central –e profundo- de toda a súa obra. Cando os pais retornan da emigración múdase coa familia a Vigo, onde reside durante a súa adolescencia. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, eido en que exerce a docencia dende 1985. Un par de anos despois regresa definitivamente a Compostela.
Como poeta, Paulino Vázquez, pertence á xeración dos oitenta. Este dato pode explicar a súa aposta pola intertextualidade. Pero esta vénlle ofrecida pola concepción concreta que o autor ten da creación: cada achega é unha volta máis da espiral que vai envolvendo a obra total. Iso si, Paulino Vázquez, en cada nova volta perfecciona e sofistica a forma e a profundidade da reflexión coa que reincidir nos eixes temáticos: o tempo e a morte. O traballo poético elaborado polo autor semella querer recuperar a dimensión subxectiva, cualitativa do tempo. O acto de creación pasa a ser un “momento de ser”, un intre para atoparse, e o descubrimento é o ser en capas, o momento como duración, o tempo multiplicado. Para Paulino Vázquez, navegar nas verbas, facer arte é recrear o tempo puro. As “sensacións de tempo” das que fala o autor son visións dun obxecto, dun aspecto da realidade, que evidencia a marca inexorable do movemento, da mutación, do tempo, do paso da vida á non-vida, á morte. Porén, na súa obra, o tempo e a morte non teñen univocidade no sentido. De feito, na medida en que se reivindica, solicítase a recuperación do intre irrepetible, único, é evidente que cada alusión ás realidades ontolóxicas terá un matiz diferenciador: os universais só contan como punto de partida, nun segundo plano cobran vida e desenvólvense ao seu gusto, moi afastados da cuantificación propia da sociedade (post)industrial.
A súa primeira obra sae á luz en 1983 baixo o título Perdendo o tempo que fuxe como Xoán Sebastián Bach. Con ela e un ano antes obtivera o Premio Celso Emilio Ferreiro, do Concello de Santiago. O carácter culturalista no que nada o poemario xa se evidencia no seu nome e esta liña, que xa comezara con Cunqueiro, vai continuar en Seixo de desfacer entre os dedos (1985) e mais en Aquí podían ser o pés arxila (1991). Ademais, atópase un certo gozo na descrición demorada dos espazos decadentes, leit motiv que perdurará nas súas creacións.
Anos despois, en 1994, preséntase ao IV certame do Premio de poesía Miguel González Garcés e gáñao co poemario Un áspero tempo de caliza. Ata catro anos máis tarde non achegaría outro novo xiro arredor de si: é en 1998 cando publica A experiencia inglesa.
A publicación espaciosa dos elementos que van configurando a súa “obra total” é unha mostra do seu afán perfeccionista. Esta necesidade de pulcritude, de tino á hora de esculpir o tempo coas palabras, fixo xa no seu momento, aló polo 86, que fora escollido para a escolma poética Nova poesía galega, xunto cos nomes de Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Ramiro Fonte, Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Manuel Forcadela, Miguel Anxo Fernán-Vello, Román Raña ou de Eusebio Lorenzo Baleirón. Esta antoloxía é considerada representativa do panorama lírico da Galicia dos oitenta.
Ten colaborado en distintos medios e neste labor salienta o desenvolvido no Diario Cultural da Radio Galega. Ademais, participou en proxectos como o monográfico que a revista Festa da Palabra Silenciada lle adicou á autora homenaxeada no último Día das Letras. Paulino Vázquez escribe “María Mariño, espello no serán”.