Autores

Anxo A. Rei Ballesteros

1952, Boqueixón - 2008, Vigo

Narrador

Anxo Rei Ballesteros escribiu narrativa, ensaio e teatro. É a súa primeira novela, Dos anxos e dos mortos (1977) a que conta con maior recoñecemento e o sitúa xa como un dos autores con meirande complexidade e vontade experimental da narrativa galega.

Rei Ballesteros, licenciado en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, publica a súa primeira novela en 1977 na editorial Castrelos. Titúlase Dos anxos e dos mortos e nela está presente unha asunción de técnicas narrativas polifónicas propias da narrativa europea e americana do século XX. Escribe daquela fronte a un socialrealismo que se volvera hexemónico, pero desde un universo existencialista que non se afasta da realidade. Encadrada dentro da temática de iniciación, deita a ollada sobre unha mocidade santiaguesa inmobilizada e carente de expectativas nun contexto en que dominan a intolerancia e a hipocrisía.
Nese mesmo ano recibiu o Pedrón de Ouro polo conto “Querido Brais”, do que en 1993 publicará unha versión revisada.

En 1992 ve a luz a súa segunda novela, Loaira (Galaxia) coa que recibiu o Premio Losada Diegúez, máis de cincocentas páxinas nas que asistimos á evolución vital dos personaxes de Dos anxos e dos mortos así como á vontade do autor de continuar investigando en discursos fragmentarios e nas potencialidades da linguaxe e da voz narrativa. Son namais estes títulos os que fixeron que o crítico González Millán falase da súa escrita como “un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da narrativa galega”.

A sombra dos teus soños (1998), volume de seis relatos, continua o seu camiño en narrativa. A realidade rural, máis invisíbel, e a urbana mestúranse aquí nun trazo de personaxes que son o cerne do libro. Non sei cando nos veremos (2005) emprega a narración directa e a oralidade para a confesión dunha vida en que se xuntan asombro e ironía, orde e desorde, pracer e dor.

Tamén autor de teatro, en 1988 viu publicada unha peza que o grupo de teatro Malbarate estreara o ano anterior, Xogos de damas. Dirixiu ademais unha versión súa d'A voz humana de Jean Cocteau en 1991.

Como ensaísta publicou nun número da revista Grial de 1989 o artigo “A outra memoria” e por Tempo e vinganza (2003), unha análise sobre a concepción do tempo na modernidade a través do Hamlet de Shakespeare, recibiu o premio Ramón Piñeiro en 2002.

En 2006 viu a luz na editorial Galaxia a súa tradución da novela Molloy de Samuel Beckett.


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |