Autores

Francisco Sampedro Ojeda

1956, A Coruña

Ensaísta, tradutor, filósofo

Francisco Sampedro Ojeda é un dos pensadores de máis trascendencia de Galicia, e o abandeirado dunha forma de filosofía marxista althusseriana de achegamento á realidade. Libros como Ideoloxía e distorsión ou A violencia excedente analizan conceptos básicos da socioloxía contemporánea.

O coruñés Francisco Sampedro Ojeda (1956) é profesor de filosofía de ensino medio. Estudou a carreira de filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, e alí leu a súa tese de doutoramento, dirixida polo sociólogo Marcial Gondar, sobre o concepto de ideoloxía nos últimos tres séculos. A súa carreira literaria levouno por dous vieiros distintos e complementarios: dun, realizar a tradución de textos básicos do pensamento da esquerda do século XX, e fundamentalmente francesa; doutro, a creación de ensaios e múltiples artigos nos que aborda conceptos básicos da socioloxía contemporánea, como violencia ou ideoloxía, dende unha perspectiva marxista, e máis en concreto, tendo como gran referente do seu pensamento o filósofo francés Louis Althusser.

A reflexión sobre o concepto de ideoloxía marcou o fundamental da súa produción filosófica na década dos oitenta e dos noventa. Así, ten escrito diversos artigos e monografías sobre a evolución histórica do seu concepto. O máis importante deles é o volume titulado 'Ideoloxía e distorsión', onde repasa a visión que tiveron da ideoloxía distintos pensadores dos séculos XIX e XX, pero fundamentalmente Nietzsche, Marx e Louis Althusser. Os contidos dese libro recollían boa parte do que xa traballara para a súa tese, pero aos que lles foi engadindo perspectivas parciais de estudo que se plasmaran en artigos nos anos anteriores. É o caso dos artigos titulados "Alain Badiou: filosofía, ideoloxía e suxeito", "A tinta da xibia" (sobre Barthes e a teoría marxista da ideoloxía) e "Gianni Vattimo: debilidade e ideoloxía", neste caso analizando a visión do mesmo concepto no posmodernismo do italiano.

Pero non foi a da ideoloxía o seu único punto de atención. En A violencia excedente (2006), analiza dende unha perspectiva tamén marxista os distintos tipos de violencia, lexítima e ilexítima, e obxectivábel ou non, para identificar unha clase final de violencia, a que denomina excedente, que nin é lexítima (de autodefensa) nin persegue máis obxectivo "có goce do verdugo". O volume prosegue cunha análise das diferentes formas de "fascismo" do mundo contemporáneo, reflectido en particular nos ataques estadounidenses contra Iugoslavia e Iraq, e onde queda de manifesto o posicionamento ideolóxico de Sampedro. A violencia excendente recibiu o Premio da Crítica galega en 2007.

Tamén ten actuado como pensador no campo da arte, participando no ensaio colectivo 'Magritte x 3' (1993), a canda Xosé María Álvarez Cáccamo e Alberte González Alegre, onde se analiza a obra do pintor francés Réné Magritte en relación co movemento das vangardas. Outras obras súas céntranse en obras de pensadores concretos, como a breve monografía publicada sobre Althusser (2004) e os seus traballos sobre Sartre, Risco, Nietzsche ou Dieste. Tamén ten traducido ao galego e ao castelán de Sartre, de Simone de Beauvoir, de Alan Badiou, de Georges Labica ou do esloveno Slavoj Žižek, de quen verteu en 2004 o título O espectro segue a roldar, e participado na redacción de libros de texto para o bacharelato.

Ademais, Sampedro realiza colaboracións frecuentes con xornais e revistas galegos, así como coa francesa Multitudes, e é membro do consello de redacción da publicación A Trabe de Ouro, onde escribe e traduce con regularidade.

Outras obras:

A aristocracia imposible: O discurso político de Nietzsche, 2001


Imprimir



Libros de Francisco Sampedro

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |