Autores

Xohana Torres

1931, Santiago de Compostela

Poeta, novelista, dramaturga e tradutora

Está incluída na Xeración das Festas Minervais: o compromiso monolingüe coa patria e o intimismo son características da expresión poética de Xohana Torres. Porén, en canto á narrativa, discútese se encadrala na Nova Narrativa. Esixente, optou por retirarse da vida pública.

Xohana Torres criouse en Ferrol, onde permanecería ata pasados os trinta e onde ofrece os seus primeiros recitais poéticos, de marcada voz feminina. De feito, con vinte e cinco anos crea un programa radiofónico adicado ás mulleres, Teresa, e no 63, xa en Vigo, realiza o primeiro programa cultural integramente en galego, Raíz e tempo. A súa relación con este medio tamén a levaría a colaborar na gravación de discos sobre Castelao ou Cunqueiro.
Literariamente foi discípula nesta época de Ricardo Carvalho Calero. Realizou estudos de Filosofía e Letras e actualmente reside en Vigo.

No primeiro eido escollido por Xohana para ingresar na literatura, a poesía, a autora racha algunhas normas lingüísticas. Así mesmo, emerxen as asociacións inusuais de palabras e a multiplicación de rexistros e de puntos de vista, aspectos que provocaron que o seu quefacer lírico fose denominado “poética do caos”.

O estilo configúrase a partir de símbolos que codifican o real, moitas veces extraídos da paisaxe olívica, e os temas escollidos adoitan ser sociais, patrióticos e con reivindicación da voz feminina.

O seu primeiro poemario é Do sulco (1957), de lingua coidada e parámetros métricos afastados dos canons clásicos e que inaugura a colección Illa Nova, de Galaxia. Non recupera a creación poética ata moitos anos despois: en 1980 publica Estacións ao mar, Premio da Crítica española do ano seguinte. Obra de madurez na que recolle os poemas escritos entre os 60 e os 70, nos que se mesturan as súas constantes: memoria, nación, tempo, mulleres e mar abren, desta, un novo rumbo para a escrita que constitúe un discurso xenericamente diferenciado. Nos 80 precísase facer a xenealoxía da literatura feminina galega, evidenciar a liñaxe oculta para recuperar espazos, e a poesía de Xohana Torres é un referente para as mulleres na recuperación da palabra. En 1992 regresaría con Tempo de ría, co que afonda no seu universo poético, e no 2004 publícase a súa Poesía reunida (1957 a 2001). Por outra banda, participou en proxectos colectivos como Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas (1997) ou Poemas pola memoria (1936-2006).

A súa única novela é Adiós, María (1971), ambientada en Vigo e gañadora do premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires. Na obra a caracterización dos personaxes é categórica; a denuncia do drama da emigración, evidente; a recreción dunha linguaxe urbana periférica, mimada. Os críticos discuten se a novela pertence á Nova Narrativa ou non. Máis alá da técnica, os problemas sociais derivados da desestruturación laboral e, xa eu logo, familiar galega aparecen sinalados de forma sutil pero incisiva.

Como escritora dramática está inserida no Grupo Enlace. A súa relación co teatro comeza co grupo Teatro-Estudio para o que escribe algunhas pezas escénicas. En 1965 achega Á outra banda do Íberr, que recibe o Premio Castelao ao ano seguinte, e en 1968, Un hotel de primeira sobre o río.
Tamén escribiu literatura infantil. Así, ten Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984).

Xohana Torres tamén andou o camiño do ensaio e no 72 sae á luz San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, co que acada o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña.
Ademais, traduciu textos como O abeto valente, de Jordi Cots, O globo de papel, de Elisa Vives e Así foi, de Kipling, en colaboración con Dolores Martínez. Tamén adaptou contos universais como O traxe do emperador, O lobo de Lelo ou O demo rapatú.

Colaborou con algunhas revistas latinoamericanas e galegas, como Aturuxo, Vida Gallega ou con Vieiros.
Xohana Torres ingresou na Real Academia Galega en outubro de 2001, co discurso Eu tamén navegar.
Aos recoñecementos aludidos hai que engadir o Pedrón de Ouro en 1972, o Premio da Crítica en 1982, o Premio Celanova no ano 1985 ou o Premio da Creación Feminina en 1992.


Imprimir



Libros de Xohana Torres

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |