Autores

Antón Avilés Vinagre

1935, Noia - 1992, Noia

A Antón Avilés de Taramancos, de nome real Antón Avilés Vinagre, encadrárono na Xeración das festas Minervais. Na súa poesía, categorizada como exuberante, reelabora de forma moi persoal os mitos clásicos da literatura universal. Escribiu, ademais, narrativa e ensaio. Fixo traducións e deixou un texto teatral, publicado postumamente.
Antón Avilés de Taramancos nace en Noia o 6 de abril de 1935, nos últimos tempos da II República e nunha familia de labregos e de mariñeiros. Non remata os estudos de Náutica nos que se matricula, na Coruña, entre os anos 53 e 59. É alí onde toma contacto co pensamento galeguista de esquerdas, a través de persoas agrupadas arredor da Peña Amanecer. Grazas a este colectivo coñece a Urbano Lugrís. En febreiro de 1954 pronuncia a súa primeira conferencia sobre o poeta Rabindranath Tagore e sela o Xuramento de Laracha, polo que se compromete ideoloxicamente na defensa dunha "Galiza ceibe e popular".
En 1951 aparece na revista Tapal o seu primeiro poema, titulado "Saloucos dun emigrante", e en 1952 recibe una mención honorífica no premio Circo de Recreación-Casino polos poemas "Antón de Noia" e "Cadarso". En 1955 publica na revista ferrolana Atlántida os seus sete primeiros poemas, nunha serie titulada As moradías do vento. Tres anos despois edítase o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo, polo que o poeta se sitúa entre os máis destacados creadores da posguerra.
Logo de participar na montaxe teatral da obra O incerto señor don Hamlet, que se estreou en xuño de 1959 no Teatro Colón da Coruña, Antón regresa a Taramancos con outro libro publicado: Pequeno Canto (1959), co que obtén un accésit no certame da colección Brais Pinto.
En 1962 marcha a Santiago de Cali, en Colombia, despois de mudar o seu segundo apelido, Vinagre, polo nome da súa localidade de orixe: Manuel María e Uxío Novoneyra son os padriños do seu nome literario. A emigración provoca que a súa traxectoria se desenvolva, a partir deste momento, illada con respecto aos seus compañeiros de xeración. Durante a súa estadía americana casa con Ana Sofía Baquero Céspedes, con quen tivo tres fillos: Santiago, Luís e Guillermo.
Nos case vinte anos de emigrante ocúpase en diferentes traballos (labrador, cazador, tratante de diversos xéneros...) e segue cultivando a creación poética. Alí escribe primeiramente Poemas de ausencia (1961). Unha década despois publícanse dez poemas seus no número 31 da revista Grial, mentres que en La Voz de Galicia aparecía en 1974 o poema "Pranto por Urbano Lugrís", escrito co gallo do pasamento do amigo pintor. No seu paso por Colombia funda a Embaixada de Galiza en Bogotá, xunto co escultor de Compostela Xesús Picón.
Pero Antón Avilés decide regresar a Galiza en 1980: dende este momento obsérvase un xiro poético, cara ao traballo sobre o mito. Artéllase un paralelismo entre a súa propia traxectoria vital e a do heroe Ulises (partida da terra á que se desexa regresar, e a aventura polo medio). Dous anos despois da volta publica O tempo no espello (1982). No ano 85 Cantos Caucanos, elaborado a partir das lembranzas da emigración tinguidas de emoción polo exotismo que contempla na paisaxe amazónica, consegue o Premio da Crítica española, ao ser finalista do Premio Nacional. Ao seu regreso, tamén colabora en revistas como Luces da Galiza ou Dorna e traballa como taberneiro en Noia. Posteriormente entra na presidencia da Asociación de Escritores (AELG) en 1986, e en 1987 pasa a ser responsable de Cultura no Concello de Noia, polo BNG, co que a súa militancia no nacionalismo político e cultural de esquerdas xa se exerce de xeito máis directo. No 89 aparece As torres no ar e de forma póstuma Última fuxida a Harar (1992).
Distínguense dúas etapas na súa obra poética: a primeira (1955-1961) está composta polos poemas anteriores á marcha a América, caracterizados polo clasicismo. Neles emprega frecuentemente o hendecasílabo. O segundo período (1963-1992) abrangue a produción da emigración e do regreso, sendo o elemento mítico o eixo vertebrador.
A súa incursión na narrativa dáse co libro de relatos Nova crónica de Indias (1989). Ademais, desenvolveu o xénero epistolar: nas súas cartas fai reflexións existenciais, ás veces desacougadas, ás veces esperanzadas.
Como ensaísta , en sentido estrito, achega Obra viva, en 1992, ano do seu pasamento. Trátase dunha escolma de textos aparecidos na prensa.
A única obra teatral de Antón Avilés de Taramancos,Tres capitáns de tempos idos, foi escrita en 1983 para os alumnos da Serra de Outes aínda que non se levou ao prelo ata o 2003, ano en que se lle adicou o Día das Letras Galegas.

Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |