Poeta e narrador
Galeguista das Irmandades da Fala, a súa obra escrita abrangue a poesía, a narración e o xornalismo, sempre en defensa da lingua e a cultura galegas, actividade que desenvolveu no difícil contexto da posguerra, tralo silencio durante os anos da contenda e un exilio de catro anos en Valladolid, imposto por sanción gobernativa. Sobresaen os seus poemarios Abrente e Da Vella roseira.
Estudou Maxisterio en Compostela, onde contactou de xeito temperán co movemento galeguista que agromara co rexurdimento e estaba evolucionando no movemento cultural e político desenvolvido polas Irmandades da Fala. Iniciou o exercicio da súa profesión de mestre cunha etapa nómade que o levou a Ortigueira, Cambre e Xinzo da Limia. Asentou logo, en 1930, na entidade local de Morgadáns (Gondomar), onde permaneceu ata 1950, co interludio de catro anos en Villalar de los Comuneros (Valladolid), exilio imposto por sanción gobernativa como consecuencia do seu galeguismo. Recalou finalmente en Vigo, onde viviu ata a súa morte, acontecida o 13 de marzo de 1966.
Colaborador habitual de O Tío Marcos da Portela e das principais revistas culturais e xornais da época, tanto do interior coma do exilio, estivo integrado no Instituto de Estudos Históricos do Minho. Amais desa abundante obra espallada en diversas publicacións, Victoriano Taibo viu editados tres títulos da súa autoría, os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) mailo libro de narracións Da agra aberta, contos e lêndas (1956), e deixou inédito Abicedo, poemas de amor e de suidade. A súa produción lírica tense compara cos trazos iniciais do traballo poético de Cabanillas: costumismo, lirismo e loita. Este labor como escritor, polo que acadou diversos premios e mencións, xunto coa activa dedicación a prol da lingua e da cultura galegas, impulsaron o seu ingreso na Real Academia Galega en 1948, proposto por Eladio Rodríguez González, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Vales Villamarín, Ángel del Castillo López e Florentino López Cuevillas. O seu discurso titulouse Rosalía de Castro, precursora da fala.
Foi un decidido defensor da lingua galega, que non só usou maioritariamente na súa obra senón que, ademais, estudou con tesón elaborando un pequeno tratado de lingüística publicado en anacos nas súas colaboracións en diversos medios e brevemente resumido no prólogo da súa última obra editada (Da Agra Aberta). Así e todo, conta con numerosos artigos en castelán en diversos medios, por mor das circunstancias impostas a quen quixese colaborar en xornais e revistas durante a posguerra, pero os temas tratados están na súa maioría relacionados coa lingua, a cultura ou os personaxes sobranceiros galegos.