Autores

Francisco Alonso Villaderde

1963, Vigo

Narrador, poeta, xornalista e editor

Editor, xornalista, narrador, poeta subversivo... Fran Alonso é autor de traballos notablemente recoñecidos por crítica e lectores de todas as idades e artífice dunha obra que prefire contemplar dende unha perspectiva global e para a que procura diluír os lindes entre xéneros.

No mesmo Vigo onde naceu en 1963, e logo de desprazamentos durante a infancia, de licenciarse en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e de cursar estudos de posgrao en Literatura Infantil en Cuenca, Fran Alonso exerce como subdirector para a edición xeral de Edicións Xerais de Galicia e dirixe a colección de narrativa Abismos, labor que xa desempeñara á fronte da de poesía Ablativo Absoluto. Compre mencionar tamén as súas colaboracións nas páxinas de opinión de Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia, A Nosa Terra ou no suplemento Luces do diario El País. Os seus comentarios, opinión e anécdotas sobre actualidade publícaos regularmente no seu blog Cabrafanada (http://cabrafanada.blogspot.com/).

A súa traxectoria narrativa iniciouna con Trailer, unha novela sobre a vida dos camioneiros coa que acadou o Premio Blanco Amor en 1991 e á que seguiron despois Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006) e A vida secreta de María Mariño (2007).

No que atinxe á poesía publicou os seus primeiros versos na carpeta A rota dos baleeiros (1991), trala que viron a luz A lúa no probador (1992), Persianas, pedramol e outros nervios (1992), Tortillas para os obreiros (1996), Cidades (1997) -Premio Rañolas de Literatura Infanfil e Xuvenil 1998 e accésit do Premio Lazarillo de Literatura Infantil 1996-, Subversións (2001) e Balada solitaria (2004). Este último preséntase como un poemario que se apoia nunha estrutura narrativa e é froito dun diálogo poético que Fran Alonso establece coas imaxes do fotógrado portuense Renato Roque, outro intento deliberado do autor por diluir os lindes entre xéneros, algo semellante ao que xa fixera en A casa da Duna (2003), con narración da súa autoría e fotografías de Manuel G. Vicente.

Xa noutros ámbitos, Fran Alonso participou na traducción ao galego de Polgariño (1995), de Charles Perrault, é responsable de edición da coñecida antoloxía Poetízate (2006) e autor de Territorio ocupado (1998), unha crónica de literatura xornalística sobre o conflito saharauí coa que acadou o premio Losada Diéguez de Creación Literaria 1999.


Imprimir



Libros de Fran Alonso

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |