Narrador e ensaísta
A súa escrita é cualificada de innovadora, debido á quebra de estruturas ficcionais clásicas, do discurso narrativo unitario, polas chiscadelas a todo o proceso literario, dende a creación á crítica. Dáse una sorte de hipertexto que desprega ou sortea, para atopar posteriormente, as voces dun eu múltiple. A experimentación é unha constante dende os seus inicios e crece ao longo da súa evolución.
Xurxo Borrazás é Licenciado en Filoloxía Xermánica e adícase á docencia do inglés. Empezou escribindo poesía, pero axiña pasa á narrativa, comezando con Cabeza de chorlito (1991). Xa nesta primeira obra súa se atopan as liñas que aparecerán con frecuencia nas súas novelas: os xogos metaliterarios e pluridiscursivos. En 1994 gaña o Premio da Crítica Española e o Premio Arcebispo San Clemente con Criminal, onde a voz do narrador destaca pola súa polifonía.
Os distintos camiños narrativos contan coa súa faciana material: o espazo é móbil, aberto, o espazo ándase, emprégase, devindo unha dimensión máis da follada de subxectividades (máis que suxeitos). Por outra banda, o tempo tamén vai deixar de ter unha organización tradicional, ou sexa, cronolóxica ou obxectiva, e aparecerá fragmentado, artellado tamén en capas. Especialmente en Eu é (1996), a aproximación desestruturada ou evidentemente subxectivizada do espazo e do tempo axudará a esvaecer as fronteiras entre o real e o onírico ou ficcional. Pero ademais, concretamente nesta obra, será a inclusión de personaxes literarios ilustrados (a literatura dentro da literatura) o que acentúa a explosión de capas de realidade. Dous anos despois publica Contos malvados e en 1999 O desintegrista, para conseguir con Na maleta (2000) un novo recoñecemento, ao obter o Premio Losada Diéguez en 2001. Nela abórdase a esperanza inútil nunha felicidade transcendente, cun obxecto concreto situado fóra dun mesmo, dos personaxes, no caso.
A heterodoxia volve anegar a súa narrativa un ano máis tarde con Pensamentos impuros, e é Ser ou non a obra talvez máis politicamente incorrecta ou transgresora. Achega a reflexión sobre o propio exercicio da escrita, sobre o sexo e sobre a fisura entre o rural e o urbano (evidenciando a conflitividade ou estridencia na identidade galega ao ser formulada e vivida en termos dicotómicos). En Ser ou non relátase o seu propio proceso de creación, constituíndose, logo, como un xogo metaliterario, aspecto que xa se intuíra no seu primeiro libro. A inscrición no movemento posmoderno é ineludible pola fragmentación do discurso e da mesma historia, así como pola súa vontade experimental. Porén, os matices, a sofisticación da súa creación, afastaríano da concepción basta do mundo, propia da posmodernidade inconsciente. É dicir, Xurxo Borrazás asume con profundidade as achegas discursivas específicas do fin da modernidade. No libro aparecen dous planos ficcionais: no primeiro, un escritor retírase a unha aldea dos Ancares, onde manterá unha relación sexual cunha anciá, o que dinamitará os cimentos solidificados na súa vida anterior. No segundo, achéganse as elucubracións do xurado dun certame a propósito da obra gañadora, a que o protagonista escribe. Con esta superposición discursiva aprovéitase para facer crítica e desmitificar os procesos editoriais (máis que o sistema literario en si). Pola actitude descrida, neste libro albiscáronse riscos un tanto nihilistas.
O punto de vista empregado na súa obra é masculino e a psicoloxía dos personaxes homes é considerada mellor definida que a dos personaxes femininos: as mulleres sempre aparecen máis afastadas do lector e rodeadas dun aura de misterio.
En xeral, os perfís deixan rever o inconsciente, o que evidencia falta de liberdade (interior) dos personaxes: estes son presos de si mesmos.
O vínculo entre xéneros adoita ser o sexo, motor das distintas accións. É frecuente a repetición de nomes (Marta, Raquel, Carme) e dos oficios dos personaxes (dous escritores), o que foi entendido como un recurso de cara á conformación dun macrotexto.
Se en Cabeza de chorlito e en Eu é a súa concepción da narrativa xa quedara trazada, é en 2007 cando se estrea no ámbito do ensaio con Arte e parte. Aquí a reflexión (explícita) sobre a arte ou a cultura, en xeral, e a literatura, en particular, diríxese cara aos autores, os críticos, os editores e os lectores. Porén, os temas abordados van alén dos lindes especificamente galegos para englobar nocións teóricas.
Xurxo Borrazás tamén exerceu de tradutor, traendo ao galego o Trópico de Cáncer, de Henry Miller, no 2006.
Liberdade e sofisticación creativas son aspectos que a crítica destacou adoito na na consideración da súa obra.