
Poeta
Yolanda Castaño pertence á xeración de poetas dos 90. Realiza distintos labores non unicamente vencellados á creación literaria ou ao mundo editorial, senón que tamén desenvolve a súa actividade profesional na televisión ou xestionando a Galería Sargadelos da Coruña. A súa figura, polémica pola forte proxección da imaxe, vai progresivamente aterrando nos distintos estratos do espazo cultural.
Licenciada en Filoloxía Hispánica, comezou a desenvolverse no ámbito poético durante o período universitario, fundando a revista Ólisbos. Organiza varios ciclos de “Recitais na facultade”, xunto coa tamén poeta Emma Couceiro. Participa a miúdo en traballos colectivos, coma o proxecto Letras de Cal ou como a fundación da revista Valdeleite, con Olga Novo.
En 1997 elabora a antoloxía La flama en el espejo, a partir das achegas poéticas máis recentes do momento.
Desempeña funcións profesionais en distintos terreos. Así, foi secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega e realiza distintos programas culturais e de tendencias en televisión. Entre eles salienta Mercuria, para a Televisión Española en Galicia ou Cifras e letras, para a TVG, no que continúa actualmente. Combina esta tarefa coa xerencia da Galería Sargadelos da Coruña.
Yolanda Castaño estréase no universo literario galego con Elevar as pálpebras, obra gañadora do Premio Fermín Bouza Brey en 1995. Tres anos despois obtén o Johán Carballeira por Vivimos no ciclo das erofanías, tamén Premio da Crítica Española. Deste ano data Delicia, outro dos seus libros de poemas, nos que é característica a asimilación, reivindicativa na entreliña, do corpo feminino como fonte de pracer. Lexitímase fronte ao discurso ou cosmovisión patriarcal o dereito –usurpado- ao goce erótico por parte da muller.
No 2000 sae á luz Edénica, antoloxía editada con soporte sonoro no que ela mesma canta algúns dos seus poemas. Aparece de novo tres anos despois con O libro da egoísta. Case todas as súas obras foron traducidas ao castelán.
Porén, as achegas poéticas de Yolanda Castaño non se limitan ao traballo individual e a súa creación é incluída en antoloxías coma Para saír do círculo, Daquelas que cantan, ambos os dous publicados en 1997, ou Mujeres de carne y verso, de 2002. Así mesmo, Clave Orión, Dorna, Festa da Palabra Silenciada ou A xanela son revistas que contaron coa súa participación. En maio de 2007 achega á publicación da Escola de Teatro Casa Hamlet Aténdeme, texto teatral sobre o amor.
En xullo de 2007 gaña o Premio de Poesía Espiral Maior con Profundidade de Campo. Del, o xurado destacou a súa madurez, coa que reflexiona sobre a identidade existencial ou sobre a beleza e a máscara, algo que xa se enxergaba na súa publicación anterior, O libro do egoísta. Cunha sorte de desdobramento de si mesma, a poeta afonda na súa identidade, con ton confesional; a poeta, nel e con el, vaise atopando.
A innovación lingüística, no senso estilístico, e discursiva, propondo o erotismo feminino como vía para entrar na interioridade profunda do suxeito muller, sitúan a autora no canon das voces líricas galegas que constrúen –literariamente- unha nova forma de sentir e de entender o eu no mundo.
A autora escribe dende a experiencia íntima, dende a vivencia esencial. Así, Yolanda vai mostrando a vida que late trala “máscara”. O pensamento singular e a particularidade no modo de expresalo constitúen un artefacto poético que, malia non resistirse ao mercado, é ben recoñecido pola súa calidade de estilo, pola habilidade coa que domina o instrumento: a lingua.
Yolanda Castaño está presente, ademais, en numerosos recitais e seminarios literarios internacionais. Tamén ofrece semanalmente a súa presenza no xornal Galicia Hoxe: nestas colaboracións expón, a modo de diario, as súas vivencias e experiencias cotiás.