Poeta e tradutora
Xela Arias é adscrita a miúdo á xeración poética dos 80. Porén, esta clasificación comporta algunhas dificultades ao caracterizarse este grupo pola súa heteroxeneidade. Autora dunha obra exigua e de calidade, achega unha perspectiva arriscada, persoal. Sinceridade é a palabra que máis se repite no discurso, na reflexión a respecto da súa obra. Destaca, ademais, no ámbito da tradución.
Xela Arias Castaño nace en Lugo en 1962. Pouco despois a súa familia trasládase a Vigo, onde o seu pai, Valentín Arias López, traballa como xerente da Editorial Galaxia. Precisamente é o seu proxenitor, tradutor, escritor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos, o que inflúe intelectualmente nela de forma decisiva.
Xela estudia Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago. En 1980 implícase na fundación de Edicións Xerais, onde traballará como correctora de estilo e tradutora. Durante esta época participa en recitais poéticos e algúns dos seus poemas aparecen en publicacións como A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia, Dorna, Festa da palabra silenciada ou Luces da Galiza.
O seu primeiro poemario, finalista do premio Losada Diéguez, preséntase en 1986 co título Denuncia do equilibrio e nel albíscase a xestación dun código simbólico exclusivo, que se desenvolverá ao longo da obra. O fondo, só en principio, predomina sobre a forma: un estilo aparentemente descoidado agocha as chaves que axudarán a abrir o sentido do texto. Sintaxe arbitraria, emprego supostamente aleatorio das maiúsculas e escasos signos de puntuación inciden no esforzo por subverter os principios de autoridade. A alienación que a masa exerce sobre o individuo ao constrinxilo con estruturas morais e cognitivas herdadas e non cuestionadas é un dos temas que a autora aborda infatigablemente. Do mesmo xeito, o dominio que o amor desprega sobre a propia vontade repélea, sen poder evitalo: o goce obtido ao abandonar o eu compensa o sometemento ao sentimento (e non ao outro) e silénciao.
Calquera estruturación supostamente racional, social, ou calquera limitación irracional, emotiva, provócalle asfixia. A fuxida pretendida bate contra o terceiro eixo temático: a existencia absurda, por fugaz e volátil, e a morte inevitable. Rexeita a necesidade de transcendencia na vida inmanente que ela reivindica.
En 1990 publícase Tigres coma cabalos. Esta obra elabórase coa participación do fotógrafo Xulio Gil. A evolución estilística diríxese cara a unha ordenación máis marcada da forma: maior frecuencia dos signos de puntuación e da rima. Pola contra, a voz poética afástase do eu e do nós protagonistas da obra anterior. Mantéñense os símbolos, revisándoos, e o amor aparece na súa vertente positiva, distanciándose ironicamente dos seus aspectos destrutivos. Poemas e fotografías zumegan erotismo tinguido da idea de sacrificio: a inmolación do eu en favor do outro devén inmolación do eu a prol do propio pracer, o continuo eros-tánatos debúxase sen transcendencia, empeza e acaba no propio suxeito. Así mesmo, a liña que vencella estes dous extremos vai quebrando as convencións sociais que xestionan o sentimento do amor. A crítica ao modelo de con-vivencia, estipulado e oprimente establécese dende a imposibilidade de controlar a propia existencia: se o ser humano non pilota a súa vida deixa de ser humano. A falta de comunicación é a fiestra pechada pola que non se ventila o cuarto, o ser estruturado no que agoniza o ser real, profundo, esencial.
En Darío a diario (1996) reflicte e comparte con contundencia a súa experiencia da maternidade, rachando cos prexuízos sobre esta, falando dende a singularidade individual. Pero no “monólogo-diálogo co fillo” abarca sen mito rutinas, desacougos, satisfaccións,... as sensacións das mulleres que son, ademais, nais.
Sete anos despois, Intempériome íspea dos artificios sociais, da manipulación cultural, con esperanza de liberdade a través da resistencia, con esperanza de poder rachar as contencións e as direccións marcadas. Coa esperanza de alterar a realidade e recreala dende a plenitude da subxectividade. Ela aproxímase a esta loita minimizando as verbas, rompendo as sílabas entre os versos e multiplicando, así, os sentidos.
Lilí sen pistolas, finalista do Premio Esquío de Poesía (1986), está aínda inédita.
A vangarda rupturista con tintes surrealistas da súa poesía é completada coa participación en obras colectivas como Rosalía na palabra de once poetas galegas, Daquelas que cantan e Palabras de muller.
Traduce, e obtén por este labor diversos premios, Amor de perdiÇao, de Camilo Castelo Branco, El bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez, Dublineses, de James Joyce, El último mohicano, de Fehnimore Cooper e Venus Negra, de Angela Carter.