Autores

María Xosé Queizán

1939, Vigo,

Narradora, ensaísta, tradutora e poeta

A súa actividade literaria esténdese a todos os xéneros: novela, conto, ensaio, teatro e poesía, aínda que tamén traduce. Supuxo a vangarda no feminismo nacionalista galego, e as súas achegas ideolóxicas espállanse en todas as súas obras.

María Xosé Queizán licenciouse en Filosofía e Letras e exerce a actividade docente no eido da Lingua e da Literatura Galega. Como escritora iníciase durante a adolescencia, publicando artigos no xornal vigués El Pueblo Gallego.

Nesta etapa María Xosé xa estaba vinculada ao nacionalismo e ao feminismo, aspectos que marcarán toda a súa traxectoria.

Durante os anos 50 participa en organización teatrais, creando en 1959 o "Teatro de Arte y Ensayo de la Asociación de la Prensa de Vigo", e en 1967 o "Teatro Popular Galego", que dirixiu durante un ano. Porén, esta actividade teatral culmina décadas máis tarde, coa publicación en 1989 de Antígona ou a forza do sangue, finalista do Premio Álvaro Cunqueiro. Non convén chorar máis, por outra banda, permanece inédita.

É en 1965, coa novela A orella no buraco, cando se inicia na literatura galega. Nesta obra atopáronse influencias técnicas da Nouveau Roman e pola innovación nas estruturas narrativas e pola introdución do subxectivismo e do humanismo foi enmarcada na Nova Narrativa Galega.

Inmediatamente despois, a autora xa se decanta polo traballo literario a prol do diferencialismo feminino: ao entender a palabra como unha fonte de poder, María Xosé Queizán empezará a empregala cuestionando os pensamentos patricarcais dominantes e propondo novas formas de entender o mundo, concretamente dende a perspectiva periférica e feminina. Así, intentando unha linguaxe específica, achega os relatos “Tolería para unha desmitificación” (1972), “O tapete de ganchillo” (1978) e “Eros e Tanatos” (1977). Despois de deixar explícitos en ensaios os seus presupostos ideolóxicos, elaborará en 1989 outro relato “en favor das nenas”, O segredo da pedra figueira. Co xénero de aventuras tece a procura dun novo país, a recreación da nación galega estreando valores, todos aqueles que rachan coa hexemonía masculina.

Este eixe temático, esta reivindicación política, tamén se atopará en novelas como Amantia (1984). Porén, en A semellanza (1988) ou en Amor de tango (1992), aínda que continúa amosando o envés dos discursos dominantes, o centro arredor do que se desenvolven as historias varía levemente: así, en A semellanza narra a evolución dun homosexual, dende o Lugo burgués da súa infancia ao travestismo de Barcelona. Na segunda, recupera os tempos da República e da posterior represión franquista a través das lembranzas da protagonista.

No 2000 ofrece Ten o seu punto a fresca rosa. Dous anos despois achega o volume de relatos ¡Sentinela alerta!, para regresar no 2003 coa novela O solpor da cupletista.

No seu labor narrativo hai que engadir a colaboración en publicacións colectivas: “As botas” aparece en Contos

eróticos / elas (1990) e “O vendedor de alfombras” inclúese en Berra liberdade (1996).

Pioneira ideoloxicamente, os seus ensaios representaron a vangarda galega en canto á reflexión sobre a dominación (sexual) masculina e á posibilidade de subvertela coa palabra. Así, en 1977 publica A muller en Galicia e despois, pausada pero sistematicamente, continúa con Recuperemos as mans (1980), Evidencias (1989), Escrita da certeza (1995) e Misoxinia e racismo na poesía de Pondal (1998). Finalmente, en 2004 retoma a obra ensaística con Racionalismo político e literario. Conciliar as Ciencias e as Humanidades.

Como poeta ofreceu libros como Metáfora da metáfora (1991), no que busca novos paradigmas para o amor, idea que leva á práctica en Despertar das amantes (1993), onde se crea un novo imaxinario para o goce corporal. Fóra de min (1995) é unha alegación contra a violencia e o racismo. Antes de Non o abras como unha flor (1980-2004) (2004), onde reúne toda a súa obra poética, presenta Catro poemas a Rosalía (1997) e Elas (2002). O último poemario publicado é Cólera (2007), no que fala da carraxe sentida polos reprimidos e exiliados do franquismo.

María Xosé Queizán, que desde o 83 dirixe a revista Festa da palabra silenciada, en 1999 comezou a levar a colección de Xerais As Literatas. Ademais, traduciu O caderno azul ou Ana soror, de Marguerite Yourcenar, e contos de Karen Blixen, Emilia Pardo Bazán e Charlote Perkins.


Imprimir



Libros de María Xosé Queizán

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |