Autores

Ramón Chao

Outros:


Ramón Chao

1935, Vilalba 1935

Novelista e xornalista

Ramón Chao leva dende mozo opóndose con vehemencia ao neoliberalismo e á globalización. Emigrado a Francia con só vinte anos, as emisións radiofónicas -en galego- que retransmitiu dende alí foron censuradas pola ditadura franquista. A súa actividade xornalística forma parte do seu oficio como escritor, pero na súa obra literaria predominan novelas e biografías.

Ramón Chao nace en Vilalba, Lugo, en 1935. Os seus pais rexentan unha fonda frecuentada por Álvaro Cunqueiro ou por Celso Emilio Ferreiro. Nesta fonda Ramón Chao toca o piano, e, así, desenvolvendo –e demostrando- as súas capacidades musicais, crece. Ata que o Concello e a Deputación de Lugo lle conceden unha bolsa para estudar o bacharelato en Madrid, ademais de ampliar os seus coñecementos sobre música, concretamente en canto ao piano e á harmonía. Xa con vinte anos emigra a París, facendo uso doutra bolsa recibida, esta vez, polo goberno español (el confesa que o seu veciño Manuel Fraga é quen lle axuda a conseguila). É en Francia onde se incorpora ao mundo xornalístico, a través, primeiramente, da Radio Nacional Francesa. Nesta época dirixe as emisións radiofónicas en galego, que serán vetadas no estado español, combinándoas coa correspondencia na revista Triunfo, coa que colabora durante oito anos. Con relativa celeridade, pasa a ser redactor xefe do servizo para España, pero tamén para América Latina, de Radio Francia Internacional.

As súas achegas aos xornais Le Monde e Le Monde Diplomatique son habituais: neles realiza crítica literaria e presenta opinión política, respectivamente. A pesar disto, recoñece a modificación progresiva na liña editorial das publicacións periódicas galas, que se moveron dende a esquerda cara a posturas neoliberais sen demasiado pudor e coa lexitimidade mantida grazas aos “intelectuais progresistas”. Durante dez anos tamén exerce de correspondente para La Voz de Galicia e na actualidade é columnista de El País.

En 1991 o goberno de Francia noméao Cabaleiro das Artes e das Letras polos seus traballos na prensa e na televisión da república. Pero, ademais, consegue galardóns internacionais co seu labor na radio (en Radio España, con "De Berceo al altiplano" e en Radio La Habana, con "De la Bastilla a Moncada", entre outros).

A súa produción escrita, que vai combinando novelas e biografías, supera a decena de libros. Comeza en 1973 presentando unha biografía de Georges Brassens, pero é en 1975 cando publica a primeira novela, Guía secreta de París. Un ano despois regresa (só literariamente) con Despois de Franco, España, para proseguir alternando, en 1982, con outra novela, El lago de Como. Dous anos máis tarde “entrevista en profundidade” ao escritor Carpentier e nace así Palabras en el tiempo. Conversaciones con Alejo Carpentier. Ata 1994 non publica outra obra do estilo. A que aparece unha década despois de ter desvelado a aquel literato latinoamericano é Un posible Onetti. Desta mesma data é Un tren de hielo y fuego. Mano Negra en Colombia, onde relata as experiencias do grupo do seu fillo, o músico Manu Chao, durante a xira por aquel país. O primeiro libro escrito en galego é de 1999: para retomar a súa lingua escolle o tema O camiño de Prisciliano, obra publicada tamén en castelán, co nome de Prisciliano de Compostela.

Amigo e compañeiro de batallas de Ignacio Ramonet, asinan conxuntamente, xunto con Jacek Wozniak, o Abecedario (subjetivo) de la globalización, obra que, como adianta o título, supón un incendiario manifesto en contra das políticas económicas executadas polos estados ricos do Norte, case sempre a expensas das posibilidades de supervivencia das persoas do Sur. Ramón Chao, de feito, é membro do colectivo antiglobalización Attac.

O que fora creador do Concurso de Cuentos Juan Rulfo prosegue a súa produción literaria coa novela A paixón de Carolina Otero, en 2001 e logo con Desde mi otero (2003) e con Porque Cuba eres tú (2005). Nesta última obra enxalza a “política revolucionaria” da illa, contrapondo esta visión ás perspectivas nesgadas que, segundo el, ofrecen os medios de comunicación de gobernos, á fin e ao cabo, afíns aos Estados Unidos.


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |