Autores

Margarita Ledo Andión

1951, Castro de Rei

Poeta, narradora, ensaísta

A súa actividade xornalística e no eido documental pode solapar as súas achegas literarias. Porén, Margarita Ledo Andión foi adiantándose ás tendencias do seu tempo, especialmente no campo da poesía. Ofrece unha escrita elaborada e por veces escura, mais de calidade adoito sinalada pola crítica.

Comezou os estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago pero foron os de Xornalismo os que remataría na Escola Oficial de Barcelona, en 1973. Nesta cidade doutórase e exerce a docencia, na Facultat de Ciencies de la Información da Universitat Autónoma, entre 1983 e 1991. Pero antes pasa pola experiencia do exilio en Portugal, debido á súa militancia nacionalista, na UPG. Marcha ao Porto en 1974, onde permanecerá ata o 76 traballando como lectora de lingua galega. A este país veciño, esta vez a Lisboa, regresaría en 1982 co fin de gozar dunha bolsa da Fundação Gulbenkian.

Cando regresa a Galicia, no 77, traballa de redactora en El Ideal Gallego e crea o semanario A Nosa Terra, que dirixe durante tres anos.

Ademais participa na fundación da revista Escrita, órgano de expresión da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a revista galega de mulleres Festa da Palabra Silenciada, A Trabe de Ouro, publicación de pensamento crítico, e Europa de les nacións do Moviment Nacionalitari Europeu. Na actualidade é catedrática de Comunicación Audiovisual na USC.

Ábrese á literatura pola poesía: en 1970 publica Parolar cun eu, nun intre,

con inseuto, coa que se adianta ás tendencias estéticas dominantes naquel momento e inaugura modos de facer que se irán impondo con posterioridade. A esta primeira obra, xa dunha madurez salientable, séguelle O corvo érguese cedo, de 1973, coa que continúa rompendo as inercias poéticas máis pegadas ao ruralismo e ao intimismo e se achega aos presupostos sociopolíticos, ás preocupacións colectivas. Unha compilación de textos poéticos atípicos, emitidos por unha radio pirata galega en Barcelona, constitúen Linguas mortas. Serial radiofónico (1989), realizado con Anna Turbau.

A súa andaina como narradora comeza en 1983, co libro de relatos Mamá-fé, para proseguila con dúas novelas, Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985) e Porta blindada (1990). Hai que engadir os relatos de Historias como Barcelona, de 1993, e outros de autoría colectiva. Caracterízase pola experimentación permanente na escrita, coa mestura de códigos, pola combinación intencionada entre equilibrio e distorsión e pola fragmentación. Nas súas obras o fracaso e a derrota non lle restan espazo á esperanza.

Por outra banda, a súa actividade investigadora faina achegar distintos traballos ensaísticos baixo os títulos de Prensa e galeguismo (1982), Foto-Xoc e xornalismo en crise (1988), O diario post-televisivo (1992) ou Documentalismo fotográfico contemporáneo (1995).

Ademais, en co-autoría cos bretóns Guyot e Michon, ofrece o libro Production télévisée et identité culturelle en Bretagne (2000). Tamén achega textos como Cine de Fotógrafos, Documentalismo fotográfico: éxodos e identidad, Galicia-Finlandia: Modos de Pensar ou Del Cine-Ojo a Dogma95.

Traballa no campo da imaxe, tanto fotográfica como audiovisual, concretamente no eido documental, como analista e como creadora. Margarita Ledo, arestora é un referente no eido do pensamento documental e é considerada dinamizadora deste tipo de imaxe, outorgándolle relevancia ao papel das culturas minoritarias, en especial da área atlántica, dentro da industria cultural. En canto aos traballos audiovisuais hai que destacar Santa Liberdade (2004), no que conta o asalto, en 1961, ao transatlántico Santa María por parte do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), un grupo de anarquistas, galeguistas, comunistas, masóns e socialistas, co fin de derrocar o réxime de Salazar en Portugal e de Franco en España. Con esta investigación documental, realizada a partir de testemuñas e sen voz en off, reconstrúese unha historia espectacular de resistencia política.

Lavacolla, 1939 inscríbese na obra colectiva “Hai que botalos!”, e recorda os prisioneiros que durante o franquismo construíron os aeroportos de Alvedro e de Lavacolla. Ademais de presentar a figura do escritor Manuel María noutro dos seus traballos documentais, a súa última achega é Liste, pronunciado Líster. Nela cóntase a historia do canteiro, miliciano e líder comunista galego Enrique Líster.


Imprimir



Libros de Margarita Ledo

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |