Autores

Ana Romaní

1962, Noia

Poeta, xornalista

Ana Romaní foi recoñecida en diversas ocasións pola súa intensa actividade a prol do eido literario e artístico. Poeta e xornalista, directora do Diario Cultural da Radio Galega, a crítica sitúaa xeralmente na xeración dos 80, máis como unha voz que se anticipou á irrupción da poética das mulleres nos 90.

Ana Romaní é licenciada en Filoloxía Románica. Reside en Santiago dende os once anos, dende 1973. Participa desde nova en iniciativas de dinamización cultural en Noia coma o grupo de teatro afeccionado Tiruleque. É en 1981 cando obtén o primeiro premio do certame Xente Nova na Poesía Galega e un ano despois a Mención de Honor do premio de Poesía O Facho. Comeza así a participar en proxectos e actividades culturais: en 1983 crea a revista Carabela de Xeada, cun número adicado a Mariña Mariño, autora da que moitos anos despois se ocupará no artigo “Ter de castiñeiro. Sen patróns”, e crea tamén nese mesmo ano a Asociación Cultural Catavento de Noia.

Foi actriz de dobraxe entre os anos 1985 e 1989, momento en que realiza con Chema Gagino o programa de humor crítico A viborona, en Radio Nacional de España en Galicia, Radio 4. Pouco despois incorpórase á Radio Galega, onde segue a traballar na actualidade. Dirixe dende 1990 o programa de información Diario Cultural, recoñecido pola Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia en 1992 e pola Asociación de Escritores no 2007. Nel actualízase toda a información vinculada ás manifestacións artísticas e de pensamento. Recibiu, ademais, o Premio Xerais á cooperación no eido cultural en 1999 e o Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural no 2000.

Durante anos formou parte da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, participando tamén na Sección de Música deste organismo.

En 1997 creou con Antón Lopo o Laboratorio de Indagacións Poéticas. Ao pé desta iniciativa realizaron diversos espectáculos: Ó outro extremo do paraíso, Lob@s e o Festival de Espectáculos Poéticos A Boca Aberta, na celebración do Día Mundial da Poesía do PEN Clube Galicia, son algúns deles.

Tamén participa en proxectos musicais coma o disco Rosalía na voz dos poetas, en 1983, e O Son da Pedra, co grupo Milladoiro, en 1994. No 2000 introdúcese no proxecto Son delas, coordinado por Uxía Senlle. Nel, Ana recita textos de poetas do país. Nesta liña tamén colaborou con Rodrigo Romaní nos recitais poético-musicais Arden, no 2000, e Lisboa, no 2001.

Ana Romaní pertence á xeración de poetas que se dan a coñecer a finais dos 80. O seu primeiro libro saíu publicado en 1987 co nome Palabra de mar. Segue unha liña íntima, con esa ampla realidade de fondo que é o amor. Os referentes simbólicos que obviamente se distribúen polo medio acuático van levando ao lector por unha viaxe a través da soidade e da morte. Tempo despois, en 1994, aparece Das últimas mareas. O conto adicado aos cativos Marmelada de amoras, de 1997 precede ao poemario Arden (1998). No 2002 aparece Do diario da princesa. En 2003 achega unha Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos. Xunto con Anxo Quintela realiza unha intervención poética chamada “A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos”, coincidindo co décimo aniversario da morte do escritor. O último de Ana Romaní é o poemario Love me tender e a intensidade das súas pegadas crece ao longo da súa traxectoria.

Tamén coordinou o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (2003), promovido polo Diario Cultural.

Outros dos seus proxectos, datados no 2002, son o espectáculo Catro Poetas Suicidas, Intervención Poética Contra a Levidade, no que recupera a obra de catro poetas mortas prematuramente, e a posta en escena de Estalactitas, con Lupe Gómez e Anxos Romeo.

Participou na creación da revista Festa da Palabra Silenciada e na da publicación das Mulleres Galegas na Comunicación. Ademais, colaborou en obras colectivas, como Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas (1997), promovido polo Patronato Rosalía de Castro, Xela Arias, quedas en nós (2004), X. Espazo para un signo (2005) ou Polifonías: voces poéticas contra a violencia de xénero (2006) son algúns exemplos.

Ana Romaní pertence á Asociación de Escritores en Lingua Galega e ao PEN Clube de Galicia.


Imprimir



Libros de Ana Romaní na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |