Autores

Claudio Rodríguez Fer

1956, Lugo

Poeta, novelista e ensaísta

Referente no ámbito do ensaio polos seus estudos sobre poesía galega, e no poético pola súa achega erótica, amplamente valorada. Ademais, colabora con frecuencia na edición de libros doutros autores galegos, como Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra ou José Ángel Valente.

Licenciado en Filoloxía Hispánica, Claudio Rodríguez Fer exerce a docencia na Universidade de Santiago e ocasionalmente en Nova Yorq e na Bretaña. Con anterioridade foi profesor e catedrático na educación secundaria. Funda a colección de edicións críticas Clásicos Galegos; é membro do consello de redacción do Boletín galego de literatura; dirixe o anuario filolóxico Moenia. Revista lucense de Lingüística e Literatura; coordina Unión libre. Cadernos de vida e culturas xunto a Carmen Blanco.

O seu agromar poético dáse nos anos oitenta, de feito o culturalismo, propio daquel momento, enchoupa a súa obra e a intertextualidade é recorrente, xerando unha sorte de diálogo cos autores dos que bebe. Ademais desta liña metaliteraria, ofrece mostras poéticas máis próximas á crónica autobiográfica. Adoitan declararse dúas vertentes: a da poesía que zumega unha sensualidade musical, sendo a lingua instrumento sonoro e empregando os recursos fonéticos como envoltorio das achegas semánticas, e a segunda, a da poesía máis conceptual.

Á primeira liña pertencen Poemas de amor sen morte (1979), nos que se aproximan as dúas realidades ontolóxicas, Tigres de ternura (1981), considerada continuación da obra primeira, Historia da lúa, achegamento ao universo feminino dende os mitos celtas e grecolatinos, e A boca violeta (1987). Toda esta traxectoria se recolle no volume Vulva, publicado en 1991 e no que se inseriu un novo poema “Cebra”, inédito ata entón. A antoloxía data de 1992 e titúlase A muller núa. O erotismo poético é a súa aposta decidida.

Na segunda vertente encadraríanse os Cinepoemas (1983), textos dedicados a películas escollidas polo autor e Lugo blues (1987), na que pasea pola súa cidade.

Con posterioridade, reflectindo as súas experiencias fóra da terra, publica Extrema Europa (1995). Tamén achegou A muller descoñecida (1997) e Moito máis que mil anos (2000). O último poemario é A loita continúa (2004).

Porén, as súas achegas poéticas non se restrinxen aos modos máis convencionais, e así tamén publicou poesía visual e o libro Rastros de vida e poesía, en colaboración co pintor Eugenio Granell.

En canto á súa obra narrativa, fálase de prosa breve, que se inclúe en diversas publicacións: os Meta-relatos (1981 e 1988), que foran saíndo publicados en Grial, participa en Fábula fauna (1984) e, no 90, nos Contos eróticos (eles). Ademais, A muller loba apareceu no 93 na colección Contos do Castromil e “A puta filósofa” nos Contos de cine publicados polo CGAI, en 1996, ano no que tamén achega “A raposa boreal” a Unha liña no ceo.

Do proxecto Revivir editou dous libros: O muiñeiro misterioso e A bela mestra, os dous de 2005.

A maiores, é especialista na obra de Valente: realiza a edición da poesía galega do ourensán baixo o título Cantigas de alén (87, 89 e 96). E sobre el publica os libros José Ángel Valente (1992) e Material Valente (1994), ademais de coordinar os monográficos adicados ao poeta nas revistas Ínsula, Unión Libre, Moenia e Hablar/Falar de poesía.

Pero tamén destacan os estudos de Claudio Rodríguez Fer sobre literatura galega, en concreto sobre poesía. Comeza con Galicia misteriosa de Ánxel Fole (1981) e salienta Poesía galega: crítica e metodoloxía, no que recolle artigos publicados con anterioridade sobre distintos poetas galegos. Traballa en manuais de crítica literaria, como Arte literaria (1994) e Comentarios de textos contemporáneos (1992), onde destaca a incorporación de métodos e enfoques completos e rigorosos.

Publicou A literatura galega durante a guerra civil (1994), libro nacido a partir da súa tese de doutoramento, e sobre a guerra civil tamén coordinou a Memoria antifascista de Galicia (2004).

Foi traducido a distintos idiomas e xa estudado por outros especialistas en literatura. De feito, sobre a súa obra hai tres libros publicados: Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (196) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999), os dous de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer, de Natalia Regueiro.

Pero tamén se atreveu co teatro: O pornógrafo, de 1989, preséntase nas Primeiras Xornadas de Teatro de Radio 5; despois aparecen Gran Tirano (2003) e As costureiras (2006).

Galardoado en varias ocasións e ámbitos, recibe o Premio Nacional da Crítica e, en dúas ocasións, o Losada Diéguez.


Imprimir



Libros de Claudio Rodríguez Fer na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |