
Narrador
Autor que comeza publicando encadrado dentro do universo da Nova Narrativa Galega, é Cara a Times Square a novela que a crítica considera ao tempo culminación e peche deste período, aínda que a vontade experimental e a procura doutros espazos para a nosa prosa foi trazo da totalidade da súa obra.
Camilo Gonsar estudou Filosofía e Letras e mais Dereito. Viviu en Londres algúns anos e foi profesor na Universidade de Syracuse, así como noutros centros de ensino en Lugo, Barcelona ou Vigo, onde viviu desde os anos 80.
Comezou a súa produción literaria coa colección de relatos titulada inicialmente Lonxe de nós e dentro (1961), logo Lonxe de nós e dentro e outras páxinas. Neles apréciase xa a súa vontade renovadora acompasada coa tradición literaria europea e unha achega ao obxectivismo hibridada coa reflexión sobre a morte e a condición humana. No seu seguinte título, a novela Coma calquera outro día (1962) ecoan as lecturas de Heiddeger e a abafante atmosfera cultural dos seus días e deseña algúns dos trazos que caracterizan a súa escrita: a ausencia de historia, a achega ao obxectualismo e a contención estilística. Revisada e corrixida polo autor, reeditouse en 2005.
Logo de anos sen publicar sairá a novela asinada co pseudónimo de Camilo Gonsar e pola que é recoñecido como un dos autores clave na nosa narrativa da segunda metade do século XX, Cara a Times Square (1980). Obra de moitas lecturas, salientan nela a eficacia expresiva, o distanciamento e a creación dunha atmosfera de irrealidade onde se moven personaxes dominados polo sentimento de estranxeiría, o remate no nihilismo. Tamén o seu diálogo intertextual con Arredor de si de Otero Pedrayo, baseado fundamentalmente na existencia dunha viaxe iniciática e na procura de artellar a relación entre interior e exterior. O crítico González-Millán cualificou a novela como “esforzo por levar o texto máis alá dos límites establecidos polo discurso narrativo” emparentándoa así coa tradición da prosa máis rica do seu século.
Desfeita (semirreportaxe) (1983) conta a historia dun home que quere investigar sobre a guerra civil na vila. Constrúese esta con base nuns personaxes fundamentais na acción, nuns diálogos áxiles e nunha dose de humor que estivo presente ao longo de toda a súa obra. Por esta novela recibiu o Premio da Crítica.
Nunha liña híbrida publica en 1995 Arredor do non, un conxunto de textos onde se mesturan os comentarios filosóficos, con perfís biográficos ou breves narracións, conxunto difícil de encadrar nun xénero igual ca o anterior Cemento e outras escenas (1994).
Gonsar era desde 2002 membro da Academia Galega, onde ingresou cun discurso titulado ‘Literatura galega: un achegamento subxectivo’, que foi respondido por Xosé Luís Franco Grande.
A noite da aurora (2003) supón o seu regreso logo de anos publicando esporadicamente algún relato. Novela sobre o desarraigo, lévanos desde Reikiavik á soidade dunha estación da Galicia interior e contén a historia dunha amizade, dun amor apenas iniciado e da decisión de abandonar un país.
A súa achega á narrativa breve, desde o seu primeiro libro a pezas xa aparecidas en monografías ou revistas, foron compiladas en Relatos completos. 1961-1995 pola Editorial Galaxia con prólogo do poeta Manuel Forcadela.