Autores

Xosé Luís Franco Grande

1936, Tebra (Tomiño)

Poeta, narrador, articulista

Xosé Luís Franco Grande é un dos escritores que se desenvolveron intelectualmente ao redor do grupo Galaxia, é dicir, as persoas que, na posguerra, optaron máis brillantemente por unha recuperación da cultura e da lingua galega. Entre as súas obras literarias destacan os exercicios memorialísticos, indispensables para coñecer aquela época.

Xosé Luís Franco Grande naceu en Tebra, Tomiño, en 1936. Pertence pois por idade e por formación aos intelectuais que xa non coñeceron a República, pero si a represión da posguerra, e que tiveron que recomezar a práctica cultural galega case dende cero. Fixo o bacharelato en Vigo e logo marchou para Santiago, onde comezou a estudar Filosofía e Letras, carreira que abandonou, e posteriormente Dereito, licenciándose pola Universidade de Santiago en 1960. Xa naquel tempo comeza a escribir en galego e a ter fortes contactos co núcleo de galeguistas artellado ao redor da Universidade. Durante os seus anos de estudante participou e foi premiado nos certames anuais das Festas Minervais, única saída da época para a creación en galego, e en 1955 gañou o premio de poesía do Centro Galego de Bos Aires.

Seguiu en contacto co galeguismo no seu primeiro traballo, ao entrar de pasante no despacho coruñés de Sebastián Martínez Risco, e despois en Vigo, ao traballar como asesor da Caixa de Aforros de Vigo, onde tomou contacto co grupo que acababa de fundar a editorial Galaxia, e de feito incorporouse ao seu consello de administración. Participou intensisimamente na vida cultural daqueles anos, coa marxe que deixaba a administración e a censura. Para daquela xa publicara o seu primeiro libro de poesía, Vieiro choído, de 1957, e unha década máis tarde daría ao prelo Entre o si e o non, o seu libro de poemas máis destacado, que recibiu na data da súa publicación o premio Rosalía de Castro de poesía, o máis importante no seu tempo. Practicou unha poesía sinxela, de marcado carácter existencialista, con emprego recorrente dos símbolos da época: os cárceres, os camiños pechados, a escuridade... Formalmente, as composicións son moi rítimicas malia o versolibrismo dominante, se ben tamén ás veces recorre a modelos clásicos coma os sonetos.

Pero o seu labor ía máis alá da creación poética. Foi colaborador incansable na prensa do tempo, tanto en xornais como La noche ou Vida gallega, como en revistas literarias do xorne de Aturuxo, Ínsula, Nordés, Dorna, Bandarra e por suposto Grial. Foi membro da Asociación Cultural de Vigo, e realizou, a canda o seu compañeiro de promoción Xosé Manuel Beiras traducións de obras teatrais do francés, como a Antígona de Jean Anouilh ou Non haberá guerra en Troia, de Jean Giraudoux, onde tomará contacto co drama existencialista que daquela se practicaba en Francia. Pero sen dúbida a súa achega máis relevante foi o Dicionario galego-castelán de 1968, que se ben dende o punto de vista lexicográfico non achegaba grandes melloras, si permitía unha actualización de traballos anteriores, sobre os que operaba unha vontade de normativización e coherencia, e presentábao nun formato popular: durante case vinte anos foi o dicionario galego máis vendido, completado cun extracto no Vocabulario galego-castelán de 1972.

Tamén traballou a crítica literaria, comezando pola edición da obra poética completa de Manuel Leiras Pulpeiro, en 1970, pero que continuou ata os nosos días con outros títulos centrados en Cabanillas, Del Riego ou a poesía da posguerra. En 1978 é nomeado académico da lingua para ocupar a cadeira do lexicógrafo Leandro Carré, pero aí inicia unha etapa de afastamento da vida cultural. Seguirá publicando, e de feito dará nese tempo os seus mellores froitos memorialísticos, pero permanecerá fóra dos debates políticos e culturais da transición e da democracia. En 1985 publicou o seu libro fundamental Os anos escuros I: A resistencia cultural da xeración de La Noche (1954-1960), do que non chegou a editar a segunda parte, e que causou un tremendo impacto nos medios culturais e políticos nacionalistas, aos que non lles aforraba críticas. Dous anos despois, en 1987, recolle os seus poemas dispersos en Herdo de memoria e tempo.

Aínda que nunca deixou de escribir nos xornais, é a partir de 1998, coa lectura do seu discurso de ingreso na Real Academia, cando regresa á area pública e cultural. Boa proba é a publicación en 2004 d'Os anos escuros: A resistencia cultural dunha xeración ', que recupera e amplía, os contidos memorialísticos do libro de 1985.


Imprimir



Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |