
Narrador, ensaísta, xornalista
Carlos Reigosa é, con toda probabilidade, un dos autores máis lidos e máis vendidos en galego. Algúns dos seus títulos, como Crime en Compostela ou Fuxidos de sona, representan o cumio dunha aposta por achegar a literatura escrita en galego ao gran público, sexa a través da novela de xénero ou dos libros xornalísticos.
Carlos González Reigosa naceu en Lagoa da Pastoriza en 1948. A súa carreira profesional foi a de xornalista. Licenciouse en Ciencias Políticas na Universidade Complutense e estudou xornalismo na Escuela de Periodismo de Madrid. Comezou a traballar para o xornal La Voz de Galicia. En 1974 entra como redactor de EFE, a axencia estatal de noticias española, compañía en que vai ascendendo a través dos postos de xefe da sección de cultura en 1977, delegado en Galicia en 1979, redactor xefe en EFE Madrid en 1983 e como director de información en 1990. Por eses motivos profesionais viviu gran parte dos últimos trinta anos en Madrid, aínda que ten visitado Galicia en numerosísimas ocasións e mantido fortes vencellos persoais e sociais. Dende 1997 ocupou o cargo de director de publicacións, análise e estilo da Axencia.
En paralelo ao seu labor dentro da axencia EFE, é autor de multitude de artigos de crítica literaria e teatral e de política internacional, publicados en xornais e revistas tanto españois como de Hispanoamérica. Dirixiu varios cursos de verán sobre xornalismo e literatura nas universidades Complutense, Menéndez Pelayo (UIMP), Rey Juan Carlos e Santiago de Compostela, ademais de en diversas institucións americanas (en Miami e nos Ánxeles, por exemplo). Algúns destes cursos foron recollidos en libros, todos eles publicados en castelán La información internacional en el mundo hispanohablante (1995), Información y Sociedad (1996) ou Hemingway desde España (2001). Ademais foi profesor no máster de Relacións Internacionais da Universidade Complutense de Madrid e no máster de Xornalismo de axencias da Universidade Rey Juan Carlos e a Axencia EFE.
A súa traxectoria literaria iniciouna coa novela en castelán Oxford, amén, de 1982, pero ese mesmo ano dá ao prelo o seu primeiro libro en galego Homes de Tras da Corda, un conxunto de relatos vencellados por ese mesmo espazo, a aldea de Tras da Corda, e onde se recoñecen claramente as influencias da narrativa cunqueiriá e de Fole, nunha liña que poderiamos denominar de narrativa luguesa. Pero é en 1984, con Crime en Compostela, cando o seu nome se fai definitivamente coñecido. Esta novela, do xénero negro, gaña a primeira convocatoria do premio Xerais e convértese no maior best-seller da narrativa galega, entrando tamén con velocidade tanto no público xeral como na literatura enfocada ao ensino. Ademais, supón o nacemento como personaxes do detective Nivardo Castro e do xornalista Carlos Conde, parella que vai ter continuidade.
Esa traxectoria novelística, que ten como pano de fondo o narcotráfico nas Rías Baixas, completouse con O misterio do barco perdido, de 1988, A guerra do tabaco de 1996 e Narcos de 2001. Son novelas que, sen perder de vista o seu carácter ficcional, tentan achegarse ao gran público cun enfoque rápido e sinxelo, case xornalístico. Ao mesmo tempo, seguirá visitando outros caladoiros narrativos, como o relato de xénero de Os outros disparos de Billy (1991) ou o regreso ao contorno de Tras da Corda, con Intramundi (2002), ademais da literatura infantil.
Dentro do traballo máis xornalístico, próximo á crónica e á reportaxe, están as investigacións publicadas en Fuxidos de sona (1990) sobre os guerrilleiros na inmediata posguerra, tema que revisita en La agonía del león, 1995 (premio Rodolfo Walsh de Literatura Testimonial), O regreso dos maquis (2004) e que, dalgunha forma, está presente na reconstrución completamente ficcionalizada da guerrilleira decimonónica Pepa a Loba, publicada en 2006.
Outras obras:
As pucharcas da lembranza, 1986 (relatos)
Irmán Rei Artur, 1987 (tres novelas breves de temática artúrica)
El periodista en su circunstancia, 1997 (ensaio, en castelán)
O doutor Livinsgtone, supoño, 1998 (entrevistas)
Dous máis dous 1998 (infantil)
Al otro lado de la montaña, 2001 (ensaio, en castelán)
Eidos do xornalismo, 2007 (ensaio)