Poeta, tradutor, lexicógrafo
Gonzalo Navaza é un lexicógrafo e tamén poeta, que ten cultivado a literatura en diversos xéneros e de diversos estilos, pero que é coñecido particularmente pola súa escrita experimental, onde as brincadeiras formais pasan ao primeiro plano.
poeta, tradutor, lexicógrafo
Gonzalo Navaza é un lexicógrafo e tamén poeta, que ten cultivado a literatura en diversos xéneros e de diversos estilos, pero que é coñecido particularmente pola súa escrita experimental e onde as brincadeiras formais pasan ao primeiro plano.
Gonzalo Navaza Blanco naceu en Lalín en 1957. Fillo pequeno nunha familia de comerciantes e mestres, tivo dez irmáns, entre eles o xornalista Xavier Navaza e o economista Luís Navaza. Estudou o bacharelato en Santiago e tamén na universidade compostelá Filoloxía, e ao pouco de acabar a carreira comeza a traballar como profesor de ensino secundario en Ourense e Maside, ata que se traslada a Vigo en 1986. En 1997 sufriu un grave accidente de automóbil que o deixou case un ano deitado nunha cama de hospital, e que marcou tanto a súa vida persoal como a súa carreira literaria. Na actualidade vive en Gondomar e dende 1993 é profesor na Universidade de Vigo.
O seu gusto pola literatura comeza nos anos de estudante, coa publicación de banda deseñada e pequenos textos escolares, así como coa participación no grupo de teatro Antroido, que naquel momento dirixía Roberto Vidal Bolaño. Durante a súa carreira soubo mesturar os traballos literarios coas angueiras como estudoso da lingua e especialista en toponimia. Así, ao tempo que se incorporaba aos primeiros equipos encargados da produción de libros de texto nos primeiros oitenta, comezaba a facer traballo de campo para a revisión da toponimia da cartografía, por encarga do Instituto Xeográfico Nacional. En 1988 comezou a colaborar coa Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, organismo encargado de fixar as formas oficiais dos nomes de lugar galegos. Durante a década dos noventa prosegue as súas investigacións, neste caso centradas na fitotoponimia (os nomes de lugar con orixe vexetal), mentres escribía artigos sobre nomes de persoa e apelidos en diversos xornais e publicacións. Ademais, tamén a partir de 1988 asumiu a dirección da área de dicionarios da editorial Xerais, e participou entre outras obras na coordinación do Dicionario Xerais, o máis vendido da historia de Galicia. En 1998 leu a súa tese sobre fitotoponimia, que anos despois se convertería no libro Fitotoponimia galega (2006), co que obtivo o premio Antón Losada Diéguez na modalidade de investigación. Na actualidade forma parte do equipo que traballa na confección dun dicionario de apelidos galegos.
A súa traxectoria poética comeza co libro de 1991 Fábrica íntima, que gañara en 1989 o premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e que recibiu ademais o premio da Crítica española en 1989. Pero o seu descubrimento como artificieiro da lingua e onde máis explotou a vertente da literatura como xogo foi co libro de 1992 A torre da derrota, que é un volume completo escrito en versos palíndromos, é dicir, que se poden ler tanto de esquerda para dereita como de dereita para esquerda. En 1999, seguindo coa liña lúdica pero mesturándoa co seu labor profesional como lexicógrafo, publicou Elucidario, un dicionario paródico que recollía as colaboracións soltas que fora presentando nas páxinas do extinto xornal Diario 16 de Galicia. O seu último libro de poemas ata a data é Libra, de 2000, que foi galardoando co Martín Códax e máis tarde co premio da Crítica española.
En 1996 apareceu o seu primeiro libro de relatos, Erros e tánatos, que recibiu o premio Arcebispo San Clemente que concede un xurado de mozos e mozas. En 2002 apareceu a súa última incursión na prosa literaria, unha narración breve co título de Santos e defuntos. Ademais, ten realizado diversas traducións, como A chamada da selva, de Jack London, en 1981; As cousas, de Georges Perec, en 1991; Robinson Crusoe, de Daniel Defoe, en 1986; ou Mitos da Antiga Grecia, de Robert Graves, en 1989. Recibiu o Premio Ramón Cabanillas de tradución en 1989 pola súa versión de O can dos Baskerville de Conan Doyle, de quen tamén traduciu Sherlock Holmes, detective. Durante uns anos mantivo un dos sitios referenciais da literatura galega en internet, E ti o navío na noiva noite, que lle servía ao tempo de web persoal e de información sobre o panorama literario, así como andel para as súas creacións. O seu coñecemento das relacións entre literatura e internet tamén quedaron plasmadas en distintas conferencias e artigos.