Autores

Miguel Anxo Murado López

1965, Lugo

Narrador, ensaísta, xornalista

Miguel Anxo Murado, arqueólogo e xornalista, é un dos mellores prosistas da literatura galega contemporánea, aínda que tamén ten peteirado noutros xéneros. Os seus artigos de prensa, en galego e en castelán, demostran o dominio que ten dos textos curtos, como o que amosa no libro O soño da febre, de ficción.

Miguel Anxo Murado López naceu en Lugo en 1965. Irmán do pintor Antonio Murado e arqueólogo de formación, gañou a vida fundamentalmente como xornalista, traballo que o levou a coñecer mundo e a achegarse a algúns dos conflitos internacionais máis duros dos últimos anos. Murado cubriu as guerras de Croacia e Bosnia e a segunda Intifada palestina. Residiu en Oriente Medio varios anos, onde traballou primeiro como oficial de prensa das Nacións Unidas e no goberno palestino como xefe de relacións exteriores do Ministerio de Medio Ambiente e do Ministerio para Belén, e máis tarde como correspondente en Xerusalén do diario El Mundo, da axencia Europa Press e de Radio France International. De regreso a España, foi o director da radio cultural do Círculo de Belas Artes, e actualmente é columnista do diario La Voz de Galicia e analista de política internacional, aínda que tamén ten colaborado con outros medios galegos nos últimos anos, principalmente para o Diario cultural da Radio Galega, onde mantén unha columna de opinión semanal.

Como escritor, comezou a publicar moi novo, despois de obter aos 17 anos o premio Café Gijón de novela pola súa obra en castelán Metamorfosis benezianas, publicado en 1983. Desde entón ten escrito, principalmente en galego, libros de relatos, ensaio e poesía, pero é fundamentalmente coñecido polas súas pezas de prosa breve. A primeira incursión na narrativa curta foi Memoria de derribos, de 1987, completada por Mércores de cinza, dez anos despois, e dez anos máis tarde, en 2007, por O soño da febre. Nelas escribe textos xunguidos cun lene fío temático, máis visible no últimos dous volumes, e onde a resolución sorprendente e o estilo o achegan a narradores clásicos, como Poe, Lovecraft ou Chéghov. Porén, o que tivo unha maior repercusión foi Ruído, relatos de guerra, de 1995, baseado na súa experiencia como reporteiro de guerra nos Balcáns, que acadou numerosas edicións en galego, que foi traducido ao español e que recibiu o premio Arcebispo San Clemente en 1996.

Canto á poesía, é autor de tres libros cunha gran continuidade temática e formal malia seren editados con tanta diferenza de anos. En Bestiario dos descontentos, de 1986, en Lapidario dos heterodoxos, de 1990, accésit no premio Esquío, e na súa ampliación Lapidario, de 2004, practica unha poesía directa e concisa, onde o xogo e a ironía teñen un importante papel en equilibrio coa introspección persoal e o intimismo. Ademais, Murado é autor de ensaios literarios como Caderno de Xapón, que reúne un conxunto de reflexións sobre a cultura xaponesa, así como libros de viaxes e recompilacións de artigos, que ademais de nos diferentes medios (radio, xornais en papel), recolle ao mesmo tempo na súa web. Tamén ten practicado o ensaio e o libro de reportaxes en castelán, coma La Segunda Intifada. Historia de la revuelta palestina, de 2006.

De por parte, a súa faceta como dramaturgo produciu dúas obras de teatro estreadas, que resultaron nos dous casos en éxitos de púbico. A grande noite de Fiz (1992), creada inicialmente como guión de cine, e Historias peregrinas (1994), escrita a petición de Teatro do Noroeste, a compañía dirixida por Eduardo Alonso, e que recibiu o galardón de teatro Xacobeo dese ano. Ademais, ten realizado guións para documentais, longametraxes (La ley de la frontera (1995), Fisterra (1999)...), curtametraxes e series de televisión, como Pratos combinados ou Mareas vivas.

Outras obras:

O goberno do mundo. Presente e perspectivas do estado nacional, 2006 (tradutor)

Luis Pimentel, unha fotobiografía, 1990


Imprimir



Libros de Miguel Anxo Murado na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |