
Narradora, autora de teatro, ensaísta
Teresa Moure é unha das máis importantes novelistas contemporáneas, con libros que se contan na súa práctica totalidade como éxitos de crítica, premios e público. A súa reflexión sobre a feminidade e a identidade faise dende un estilo lírico e complexo que, porén, encaixa rapidamente coas expectativas dos e das lectoras.
A diferenza doutros moitos autores, o contacto de Teresa Moure coa literatura comeza moi tarde, pero faino de xeito vertixinoso. En 2004, con 35 anos, debuta coa novela breve A xeira das árbores coa que gaña o Lueiro Rey de novela curta en 2004 e o premio Arcebispo San Clemente. A novela, que se centra na experiencia dunha muller que ten que traballar dobremente no coidado da familia e no ámbito profesional, contén xa algunhas das chaves que se atoparán na súa narrativa posterior: a importante reflexión sobre o estado da muller, dende unha perspectiva feminista e diferenciadora; as frecuentes digresións sobre temas tanxentes á narración pero que van configurando un referente simbólico; e a contundencia e a provocación das súas afirmacións, que a levarán a manter acendidas polémicas con outros sectores da intelectualidade galega.
En 2005 sae publicado o seu ensaio Outro idioma é posible: na procura dunha lingua para a humanidade, que recibira o premio Ramón Piñeiro no ano anterior, e onde reflexiona sobre os intentos de conseguir un idioma universal e sobre as vantaxes da biodiversidade lingüística. Meses despois aparece nas librarías un ensaio anterior, que fora finalista nese mesmo premio en 2003, titulado As palabras das fillas de Eva, onde dá corpo ao seu posicionamento sobre a cuestión feminista, situándose nunha posición reivindicadora da diferencia.
Pero o grande éxito chégalle coa novela Herba moura, de 2005. A historia de tres mulleres, a raíña Cristina de Suecia, a meiga Helène Jans e a estudante contemporánea Einés Andrade, consegue o premio Xerais nese ano, bate todas as cifras de vendas tendo en conta que era unha escritora case descoñecida e é traducida a máis de cinco idiomas en cuestión de meses. A narración, que mestura distintos xéneros e que intercala fragmentos pertencentes a distintos momentos narrativos, pon a atención no saber feminino e na transmisión que as mulleres fixeron da ciencia e do coñecemento. Herba moura tamén conseguiu o premio AELG de narrativa.
Esta análise da muller a través da historia é unha temática que comparte con Unha primavera para Aldara, obra de teatro coa que gaña o Rafael Dieste de 2007 e onde traslada a acción a un convento de monxas dos tempos dos irmandiños, e polo tanto, da configuración da identidade de Galicia. Aínda que publicada con anterioridade, nunha novela breve posterior, Benquerida catástrofe de 2007, regresa Moure ao debate sobre a verdadeira identidade no mundo contemporáneo, cunha trama onde un mozo de nome Adam se transforma, nun marco de personaxes e digresións diversas, nunha muller.
Outras obras:
La alternativa no discreta en lingüística: una perspectiva histórica y metodológica, 1997 (ensaio lingüístico)
Universales del lenguaje y linguo-diversidad, 2001 (ensaio lingüístico)
La lingüística en el conjunto del conocimiento: una mirada crítica, 2002 (ensaio lingüístico)
A casa dos Lucarios, 2007 (novela breve)