
Dramaturgo, ensaísta
Manuel Lourenzo é o máis importante dos dramaturgos galegos vivos, representante do que a crítica denominou como Xeración Abrente, é dicir, os escritores que comezaron a producir teatro ao abeiro da Mostra Abrente de Ribadavia, a finais dos anos setenta e principios dos oitenta do século XX.
Por outra parte, en 1980 crea a Compañía Teatral Luís Seoane e, en 1990, crea o Clube de Teatro Elsinor. En 1995 saca á luz tamén con Pillado Mayor a colección Cadernos de Teatro e, sen cesar de producir iniciativas relacionadas co teatro, crea en 1998 na Coruña a escola de teatro Casahamlet e mais a revista homónima, onde teima na fórmula de integrar artigos especializados coa publicación de novos autores e dramaturgos, neste caso xa do século XXI.
A súa produción teatral é moi extensa, prolífica e variada, con case 150 títulos distintos entre pezas completas, obras breves e apuntamentos. Dentro dos autores da Xeración Abrente destaca polo seu simbolismo e por recorrer unha e outra vez a mitos clásicos (Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, de 1978, que gañou o premio Abrente, Fedra, de 1982 ou Electra, de 1994), que reactualiza, modifica e adapta ao conflito político e individual de finais do século XX. As súas traxedias son frecuentemente irreais, enmarcadas nun espazo abstracto e pouco definido, e onde a escenografía ou os xogos teatrais cédenlle o papel primordial á contundencia do diálogo ou á transmisión de ideas filosóficas ou políticas. Tamén abundan na súa produción as reflexións metateatrais. A obra de Lourenzo que tivo unha maior repercusión foi Veladas indecentes, un conxunto de tres pezas breves de 1996, de ton fantasmagórico e construídas sobre elementos da literatura clásica. Este volume obtivo en 1997 o Premio Nacional de Literatura Dramática, o seu galardón máis importante.
A súa faceta creativa foi acompañada da participación teórica en diversos foros e en artigos de revistas especializadas, e ten como fito máis destacado a publicación, a canda Francisco Pillado Mayor, do monumental O teatro galego, libro fundamental para entender a escrita e a produción dramática en galego no século XX, e que foi completado cunha Antoloxía do Teatro Galego, de 1981 e cun Dicionario do Teatro Galego de 1987, todos os tres en coautoría con Pillado.
Ademais de escritor e promotor, Manuel Lourenzo ten unha dilatadísima carreira como actor de teatro (en obras propias e alleas), cinema e televisión; mais tamén como director, nas súas propias compañías e para outros grupos, entre os que destaca o Centro Dramático Galego. Da súa man saíron os espectáculos Os vellos non deben de namorarse, nunha importante versión de 1977, As criadas (1980), A casa dos afogados (de Fernán Vello, coa compañía do CDG, en 1991), Electra (1994), Copenhague (1995), Últimas fasquías de setembo (2000), ou Liturxia de Tebas (2003). Como tradutor destacan as versións que fixo do Woyzeck de Büchner ou do Quartett de Müller.
Outras obras:
Romería ás covas do demo, 1969
Tres irmáns parvas, 1969
Crónica do sol de inverno, 1971
Erros e ferros de Pedro Madruga, 1972
Todos os fillos de Galahad, 1978 (premio O Facho)
Magnetismo, 1996
Lionel. O malestar do benestar, 1998
Pensar co corpo, 2001 (ensaio)
Insomnes, 2004