Autores

Xosé Luís Méndez Ferrín

1938, Ourense

Poeta, narrador, autor dramático, articulista

Xosé Luís Méndez Ferrín é o escritor galego vivo máis importante, cunha carreira máis longa e sólida. Construíu o seu discurso cun dominio preciso e extenso da linguaxe, fundamentalmente nos xéneros da narrativa breve e da poesía. Foi seleccionado como candidato ao premio Nóbel en numerosas ocasións.

Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense en 1938, rematou o bacharelato en Pontevedra, e licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Alí, a finais dos cincuenta, toma contacto co galeguismo cultural nucleado ao redor da Editorial Galaxia e de Ramón Piñeiro, e colabora en diversas publicacións periódicas como Alba, Litoral, La Noche, La Trinchera ou Vieiros. Pero axiña comeza a demostrar discrepancias ideolóxicas, na convicción de que cumpría máis artellar unha loita política ca cultural. Marcha daquela a Madrid en 1957, licénciase en Filoloxía Románica, e toma contacto co galeguismo de alí e con grupos de esquerda. En 1958 participa na creación do Grupo Brais Pinto, a canda Bernardino Graña ou Raimundo Patiño, e logo inicia unha serie de viaxes que o levarán por Europa. En 1962 regresa a Galicia para dar clase en Lugo e en 1965 obtén praza de profesor de ensino medio en Vigo. Participa na fundación da nacionalista UPG, mais despois será expulsado, co que irá fundando seguidamente diversos grupos da esquerda independentista, ata que recala na FPG como organización política e máis tarde nas Redes Escarlata como fronte cultural. Debido á súa actividade política foi procesado en tres ocasións, e pasou algún tempo no cárcere. É dende hai moitos anos columnista fixo no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista A Trabe de Ouro. Ferrín é ademais membro da Real Academia Galega (cadeira á que accedeu logo dun longo período de rexeitamento da institución) e doutor honoris causa pola Universidade de Vigo.

A súa traxectoria poética iníciase dende moi novo, ao gañar en 1956 o primeiro premio nas Festas Minervais. Por iso foi incluído na mesma promoción literaria ca Graña ou ca Xohana Torres, malia que iso só é válido para a súa primeira época, a que vén marcada polo seu poemario Voce na néboa, de 1957, e onde a crítica viu os primeiros pasos da Escola da Tebra (existencialismo pesimista, simbolismo para representar o cárcere político e do espírito, etc.). Porén, a praxe política levouno, deixando atrás a paréntese dos sesenta, ao socialrealismo máis elaborado e máis explicitamente partidario: desa fase son Antoloxía popular, de 1972, asinado como Heriberto Bens, e Sirventés pola destrución de Occitania, de 1975. Porén, ao ano seguinte Méndez Ferrín dá o cambio e muda con el a traxectoria da poesía galega. A súa 'Con pólvora e magnolias' de 1976 marca a viraxe cara a unha poesía culturalista e rompedora, onde as referencias e o preciosismo son a característica fundamental, sen por iso carecer dun mestísimo pouso ideolóxico. O volume recibiu o premio Nacional da Crítica. Nesa liña insiste con O fin dun canto, de 1982, Estirpe, de 1994, premio Losada Diéguez, onde é capaz de fusionar un nacionalismo case pondaliano co virtuosismo léxico e poético, ou en Contra maquieiro, de 2005, onde avanza na crítica ao capitalismo.

A traxectoria narrativa, igualmente importante no panorama galego, comeza tamén a finais dos cincuenta con Percival e outras historias, de 1958, premiada polo Centro galego de Bos Aires. Co espellismo dun sistema mítico (neste caso artúrico), Ferrín vai construír historias imposibles, fantásticas e simbolistas, inseridas no fenómeno que en Europa se coñecía como "nova narrativa". Nada que ver co que se fixera en Galicia ata daquela. Nesa liña están O crepúsculo e as formigas de 1961, Arrabaldo do norte de 1964, Retorno a Tagen Ata de 1971; Elipsis e outras sombras de 1974, ou Crónica de nós de 1980. Cada vez as historias breves son máis complexas, e cada vez o cripticismo e o simbolismo é maior, algo que se nota particularmente a partir de Amor de Artur, de 1982, en Arnoia, Arnoia, de 1985, ou en Bretaña Esmeraldina, de 1987, premio da Crítica de Galicia. A década dos noventa coñece outro tipo de narrativa, máis realista, con igual pouso ideolóxico e lírico, pero máis sinxela e clara. É o exemplo de Arraianos, 1991, tamén premio da Crítica de Galicia, Losada Diéguez e da Crítica española, unha ducia de contos na fronteira galego-portuguesa. Tamén así na súa última novela, No ventre do silencio, retrato memorialístico e ficcionado do Santiago dos anos cincuenta, que recibiu o premio Eixo Atlántico en 1999 e o da Crítica española en 2000.

Outras obras:

Poesía enteira de Heriberto Bens, 1980 (poesía)

Celtas sen filtro, 1983 (teatro)

De Pondal a Novoneyra, 1984 (ensaio)

Vigo, fronteira do alén, 1988 (viaxes)

Morte de Amadís 1990 (poesía)

Erótica, 1992 (poesía)

Prosas completas de Dosinda Areses (artigos xornalísticos)

O outro, 2002 (poesía)

Era na selva de Esm, 2004 (poesía)


Imprimir



Libros de Xosé Luís Méndez Ferrín na Praza

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |